quinta-feira, 15 de abril de 2010

Adaggio, mais non moltto

Adaggio
Jonás tiña unha teoría de porqué a música amansa ás feras e calma os ánimos. Segundo el, o cerebro necesita máxima concentración para trasladar os sons musicais a un nivel intelixible, e por ende, ten que deixar o que está facendo.
Jonás tocaba coma Deus, se Deus tocase, se entende. Cando el collía o saxo xa os nosos cerebros se puñan en funcionamento. Cada un deixaba o que tiña entre mans e sentabámonos a escoitalo. Ensaiaba no seu cuarto, ca porta aberta adrede, para que todos puidesemos oílo. Jonás non facía música, sinxelamente deixaba que a música saíse del, e fluía con suavidade dende o seu interior ata o saxo, e de aí a nós. Cada nota evocaba un sentimento, unha sensación única e non repetible. Todo na súa música era unha evocación. Cada un interpretaba a música segundo as súas circunstancias.
A música é só unha, pero os resultados moitos
Ensaiaba de pé, fronte ó espello, e cos ollos abertos para verse como o vería o público. O que practica non eran as melodías, que non lle facía falta maldita, senón os xestos, as posturas. Interpretar unha peza, dicía, non é tirar notas encadeadas, eso pode facelo un magnetófono, interpretar hai que facelo como un actor cumpre cun papel, adaptándose a cada unha, só así se consegue darlle o máximo esplendor a unha actuación musical.
Daquela Jonás tocaba no Dado´s, o local que Eduardo Matos tiña na rúa Nova, e con el Tito Fontana ó piano e Albert Ricart ó contrabaixo.
Actuaban de luns a xoves e deixaban as fins de semana para actuacións privadas. De todos xeitos no Dado´s non había moita concorrencia máis aló do xoves por esa manía dos coruñeses de fuxir da cidade en fin de semana.
Niso se nota que esta é unha cidade feita a golpe de desertores do arado.
Certo, A Coruña é unha cidade peculiar, e Jonás, medio músico, medio vagabundo, a súa banda sonora.

3 comentários:

pitty disse...

Este é un fragmento dun relato máis grande,foi o terceiro premio do Certame Os Viaductos, do Concello de Redondela, no ano 2009

Unknown disse...

A vida é unha caixa de sorpresas, se ben algunhas son desagradables e ben pode un vivir sen elas, outras, como é este o caso, sorprenden de forma moi agradable e loubable. Gostariame, Maria, que o relato non estivese cercenado e puidesemos todos deleitarnos con el.
Esteiro

pitty disse...

Feito, en breve colgoo completo