Mostrando postagens com marcador relato. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador relato. Mostrar todas as postagens

sábado, 10 de julho de 2010


Ainda há coisas que você não me conhece

Para Viçente da Veiga

Un mot de toi...

Estiven pegando unha cenefa sobre o papel do cuarto, con estampado de flores. En concreto, rosas inglesas. Se me tumbo na cama e miro cara arriba, teño a impresión de estar deitada nun xardín...

Tenho pegamento nas unhas e na pel dos dedos.

Saco a cabeza pola fiestra. Quero reconciliarme co mundo exterior, pero vai frío. Volvo e ponho unha chaqueta de felpa por riba da picardía.

As tres da manhá non son horas para andar de “sisitas”.

Se cadra son os anos

Como facíamos antes? Na auga tódalas tardes, anque chovese, a pesares da néboa. Nunca tinhas frío.

-Encantada, ques outro café?

Debe levar aqui moito tempo. O café parece frío.

Está aí, miroo, pero non o vexo, os meus olhos traspasan a súa carne, a través dela métome na tarde na que me vestín de noiva.

Metros de encaixe francés. Daquela había calor. Eu abanándome na terraza “Cando vaia mal chámame”

Non lhe conto a ninguén que me deu un bico no pescozo. Un bico furtivo, clandestino, efímero.

Déixao, estaría bébedo, e eu ca cola do vestido enrolada no brazo esquerdo “Chámame cando vai mal”

Aquela noite non ía frío, coma hoxe. Non entendo este tempo. Estamos en xullo, e como refresca.

Antes non, verdade? Acordaste dos veráns en Muros?

Sempre ía calor, ou seríamos nós? Si, sería eso

Agora todo é frío e chuvia.

Tamén choveu as dúas tardes que bailei contigo.

-Xa é mala sorte mulher, quería ensinarte todo e mira como está o tempo.

-Dá o mesmo, abóndame estar contigo.

E ti obstinado en ensinarme o mar.

-Ven ver esto, mira como bate.

-Estou farta de velo, crieime á beira del.

O que eu quería era quitarche a camisa, de vagar, e perderme no teu peito. Como aquela manhá, ao lado do mar, tamén. Sempre preto do mar. E chovía. E logo vinha sacarche a camisa e bicarche o pescozo, igual que aquel día, eu vestida de noiva. Aquelo non lho contei a ninguén, para que? Estaba bébedo. E esto non podo contalo. Non é por arrepentimento, nin por vergonha, non o conto por non facerche dano.

-Non quero ter problemas.

-Nin eu dalos.

-Estás linda, despeiteda. Vamos ver o mar.

Sempre o mar,

-que teima colliches

Só penso en sacarche a camisa, como aquela manhá, “ti por abaixo”, e a chuvia batendo fóra, contra os cristais.

Estás linda. Es a noiva máis guapa que vin. Chámame. Intento arranxar o vestido. Para que vou contar esto?

Unha palabra. Dime só unha palabra. Unha palabra túa e volvo a sacarche a camisa.

*******

-De verdade non ques outro café?

-Vou rematar antes este.

-Este ten pinta de estar frío...

-Grazas por aceptar a invitación

Incomódame tanta cortesía

-Non se merecen. Eu tamén quería conhecerche

Espero que non me pregunte en que penso

En que penso? Un bico prohibido, vestida de noiva. Eso si me deu vergonha. Aquel día tinha certa dignidade de mulher casada “chámame” Recollo a cola do vestido e marcho. Pero que se cre o mocoso este? Estará bébedo.

No canto de chamalo dicidín sacarche a camisa.

-Ven ver o mar

Eu o que quero e darche un bico. Levo todo o caminho pensando niso.

-Ponte por arriba,

-D´accord, mon amour, ti por abaixo. Déixame sacarche a camisa

-Móvete

Estase levantando vento. Melhor pecho a fiestra. Se non me concentro non podo reconciliarme co mundo de fóra.

Por que será que agora sinto frío a todas horas?

Acordaste en Muros? Tódalas noites ía calor, sentados na porta agardando polo fresco que nos deixara durmir ben.

-E ti, en que trabalhas?

-Son avogada, laboralista. Chámame se te sintes explotado

-Ummhhh, a que tipo de explotación te refires?

“Chámame”, sempre é igual. Sempre. Agás as dúas tardes que bailei contigo.

-Ques verme, si? Ques que nos vexamos?

******

-Estás nerviosa? Arrepinteste?

-Non me arrepinto. Non fago as cousas para arrepentirme.

-Tes que pensar que nunca pasou...

Si pasou. Achegouse a min. Es a noiva máis guapa “Chámame” e o bico no pescozo. Só foi iso. E arrepentinme de non contalo, porque daquela non o busquei eu, nin o quería sequera.

-Como son as cousas eh? Daquela ofendinme, e agora, aquí contigo, xa sei, eu por abaixo, e non me arrepinto. Así empezan as traicións, non? Pero, cando comezas, en que momento te volves infiel? Cando consumas o acto, cando o planexas? Se te volves atrás aínda o es? Eu convertinme no momento que decidín selo, moito antes de estar contigo.

-Fuches ti quen me escolleu, eso tenho moi claro.

Cantos sodes, dentro de min? O café frío, o bico no pescozo, a camisa.

-De verdade non ques outro café?

Dime que non, que tes que marchar pronto, por favor, dimo.

-Sabes? Podería estar a tarde enteira contigo, e a noite, xa postos....

Entón érgome, saco a carteira do bolso e pago a conta.

A súa mirada perplexa

-Foi un pracer conhecerche, xa falaremos

E marcho, porque no fondo sei que eu tamén podería.

Unha palabra túa, só unha. Dime unha palabra,coma antes, e xúroche que acudo onde estés e volvo a sacarche a camisa.

terça-feira, 6 de julho de 2010

As flores tristes


Nun lugar lonxano vivía un xardineiro que cultivaba rosas, de cor lavanda, tantas, que foi capaz de facer mil ramos, cada un máis vistoso ca o anterior. Sen embargo, cando rematou decatouse de que as rosas estaban máis bonitas na roseira ca nos ramos. Decepcionado, acudiu ao mestre, en busca de explicación.
-Así é como ten que ser, tomodachi, non por cortar unha flor te quedas coa súa beleza.


Para Susete,capaz de regalarnos a beleza das flores sen cortalas, e para Santiago, capaz de mantelas vivas.


As flores tristes.


Vivo nun mundo de flores. De flores tristes.
Digo que son tristes porque estas teñen a capacidade de reflectir o estado anímico de quen as rodea, e últimamente ando algo baixo de moral.
As flores son as luces da existencia, curiosas luces que se apagan ao chegar a noite. Unhas pechanse sobre si mesmas, outras, agachan a cabeza e dormen.
Parecense moito ás mulleres, misteriosas, sensuais, únicas entre as súas semellantes, e capaces de gardar dentro o secreto da vida. Non se lles pode pedir máis.
Coñézoas todas e cada unha delas. Familia, especie, variedade, nome científico e vulgar. Distingo máis de duascentas variedade de camelias das tres mil existentes, cincoenta de magnolias e case mil de orquídeas.
Coido que a maioría dos que pasan cada día ao meu lado non son conscientes da importancia que as flores teñen nas nosas vidas. Se nos fixamos, son o primeiro agasallo que temos, e o último. Curioso, verdade?
Como é posible que un mesmo elemento poida estar en dous momentos tan opostos? Pensade niso.
De feito, son o tributo funerario máis antigo que existe, anterior ás xoias, por suposto. Todos e cada un de nós as usamos algunha vez na nosa vida diaria, aínda sen sabelo. Tomamos infusión de macela para a dor de barriga, azahar para os nervios, está o azafrán, condimento, mediciña e tinte, a auga de rosas como tónico cosmético, o aceite de lavanda, cicatrizante e curativo.
Con elas fabricamos cosméticos, perfumes, alimentos, medicamentos, incluso velenos. Si, si, velenos, tamén as cousas máis lindas do mundo teñen a súa vertente perversa.
Oichedes algunha vez falar da saponaria? É un substitutivo perfecto dos xabóns causticos e dos champús.
Podería estar así todo o día, pero supoño que xa vos ides facendo cargo.
As flores inundan o meu ser, tanto no nivel consciente como no inconsciente. Un día, sen previo aviso, chegaron a habitar os meus soños, convertendose na materia prima e principal destes.
Esto comezou durante o último ano porque antes de deitarme pensaba nelas, recreaba mentalmente a imaxe de peonías,gladiolos, rosas, polas de mimosa, e, tras quedar a durmir, estas imaxes íanse combinando e mesturando ata crear grandiosas composicións. Nada máis erguerme, co soño aínda fresco, subía á azotea, entraba no xardín secreto e adicaba toda a mañá a materializar as composicións soñadas.
Unha noite concentreime en caraveis, lirios e fentos. Pensaba en soñar unha composición fresca, primaveral, lixeira, coma unha mañá de abril, pero no seu lugar apareceu un gran tigre siberiano. Era un ejemplar esplédido, un macho grande, forte, robusto, rebosante de vitalidade. Recoñezo que non entendo gran cousa de animais, pero este era sen dúbida expecional, e non só porque falaba.
No meu soño atopábame na azotea, de madrugada. Todo estaba cuberto por unha espesa néboa que ulía a especias exóticas, canela, vainila, cardamomo. El saíu da brétema, contoneandose cun movemento elegante, equilibrado, candencioso. Dirixiuse sen decir nada á pila de flores e comezou a pacer nelas. Cando tivo rematado, sentouse cruzando as patas, lambeuse e reparou en min por vez primeira.
Grazas, dixo, hai tempo que non comía flores tan saborosas. Na nai rusia non medran cousas tan esquisitas, e moito menos nese lugar perdido e xeado que vos chamades Siberia.
Aínda se deixou estar alí un anaco, desfrutando dun improvisado concerto de piano co que nos agasallaba a antiga dona da casa, falecida vinte anos atrás.
Entón tiven tempo de fixarme ben nel, e recoñecino. Era o mesmo que visitaba a Sandor Lester ante da súa estancia no manicomio.
Espertei asustado. Temín que o mesmo estivese a piques de acontecerme a min, que en calquera momento podía perder o dominio da miña vontade. Estaba seguro de que era unha premonición, así que á noite seguinte concentreime en non soñar con tigres, nin con calquer outro felino. E conseguino. Pero tampouco fun capaz de volver soñar con flores.
Dende entón pasaron xa seis meses enteiros, cento oitenta días, e non fun capaz de facer composición floral algunha.
Estou vivindo a época máis estrana da miña vida. É máis, vívoa coma se non fose a miña. Non a recoñezo, nin a min mesmo, no sentido máis literal da palabra.
Teño un vestido vermello de muller colgado no percheiro do aparador, un par de pendentes negros a xogo co cinturón do vestido na cómoda e un anel antiquisimo na mesiña de noite. Todo esto sen ser fetichista. Non, non me transformo pola noite, non disfruto vendome nun espello con zapatos de tacón alto e colares de dúas voltas.
A cousa é máis sinxela, todo quedou aí cando Laura se foi. Todas estas cousas de muller que gardo eran regalos para ela, nin perversidades nin transgesións, pero a miña terapeuta non pensou o mesmo e botei dúas sesións enteiras explicandolle porque non devolvera as cousas. Parece que o feito de perder o tique da tenda non era crible nin convincente, asi que me inventei a historia de que aínda agardo que volva e teña aí os seus regalos.
A veces penso que o de Laura foi coma o do tigre, un mal soño.
Un mal soño no que ela arrastraba unha maleta polo corredor ata deixala preto da porta, logo, pousou as chaves no aparador e subeu as escaleiras a modo, ata a azotea. Cruzouse de brazos, mirándome mentras eu transplantaba guineanas.
-Deixei as chaves no aparador, e o anel na mesiña.
-Non o fagas, por favor, pártesme a alma e o corazón se o fas.
-Ben, así terás dous de cada.

Foron as súas palabras na nosa derradeira conversa. Tras dicilas, deu a volta e marchou, levando con ela parte da miña cordura.

De momento, vendo a miña incapacidade temporal para crear novas composicións decidín fotografiar as flores que cultivo, é unha boa forma de desfrutar da súa beleza, non si?
E aquí tendes os meus dous últimos logros, dúas rosas David Austin, unha de suave veludo granate, e a outra, dunha elegante cor alaranxada.
Ollade o aspecto que ten a perfección.

quarta-feira, 9 de junho de 2010

O azul

Azul. O azul é a miña cor favorita.
Toda ti es azul, azul e salgada. Gústasme porque traes o mar contigo, na cor dos ollos, no sabor da túa boca. Só eu podo verche como es, e do mesmo xeito, existo únicamente na túa mirada, por eso estou alí onde a pousas.
Agora debería dicirche "Fálame de ti", pero non é necesario. Os teus silencios son moi expresivos, contas máis cando calas que cando falas.

Escurece, e un vento tépedo e súbito abanea o gran magnolio ás miñas costas. Onte fixo moita calor, e hoxe temos tormenta.
-Quero baixar. Está empezando a chover.
-Teslle medo? Non a recoñeces? Esta chuvia estivo aquí antes, se cadra fai uns mil anos, mollando a Muralla. Caeu por riba dos césares, de Napoleón, de Ghandi. É, sen dúbida,un fenómeno insigne, con tanta historia dentro dela. A chuvia sempre é a mesma, en cambio ti, reinventaste cada día.
Deixate estar, deixa que te molle, que te eslúa, e volverás outra tarde de maio, convertida en auga. Quizáis dentro de mil anos estarás aquí de novo, pintando Lugo de azul.

segunda-feira, 7 de junho de 2010

palabras


Esto nunca sucedeu así, pero ben puido ter sucedido.
Á memoria de Carmelo Teixeiro, a quen algún día lle prestaremos os ollos,
E para as xentes de Ferrolterra, que tanto loitaron, e que loitan tanto.


A
s palabras, nada hai tan importante. Son máis fortes cas bombas, resistentes ás balas. Tódalas loitas están feitas de palabras, de berros, de consignas. Mentras estas vivan, vivirán aquelas.

Había, agora lembro que aquela noite había sol. Un sol grande que brillaba como non o fixera de día.
Encargaranme de cubrir aquela Asamblea de resultas dunha baixa inesperada. Pura casualidade.
Xentes de toda condición e procedencia ateigaban o local moito tempo antes da hora prevista, e eu alí, co meu bloc de notas, o meu bolígrafo azul e a miña bolsa. Sabía que pronto me faltaría o aire con tanto persoal, e por tranquilizarme, recitaba de memoria tódalas clases de piñeiro que coñecía: insigne, radiata, pinaster, nigra, sylvestris, pinea, uncinata, unha e outra vez, insigne, radiata, pinaster….
E comezou a Asamblea. Xa só podía distinguir a voz de Carmelo dende o fondo, Venceremos, venceremos, venceremos… Tentaba captar cada unha das súas palabras pero a man non me daba abasto, e decidín recurrir á bolsa. Abrina con coidado, pois dentro durmian tranquilas antigas palabras escapadas doutros beizos e recollidas noutras tardes de loita por outras causas. Ata a boca de pana marrón foron chegando, cohibidas nun principio, pero xa logo confiadas, formando unha seimeira dende Carmelo ata min.
Falaba de resistir, de vencer, do poder da presión, eso poideron oílo todos, pero as últimas palabras, “Verei como a quitan, vereino cos vosos ollos” sei que chegaron só onde eu estaba, áxiles e rebuldeiras, correron a meterse dentro. vereino-vereino-cos-vosos-ollos, todas elas aínda xogaron un intre antes de pousarse, xa eternas, no fondo, ao lado das outras, e a pesar da distancia dos vinte metros bos que nos afastaban era capaz de verme reflexada na súa meiniña, mirandoo de fronte, e comprendín que acababa de meterme en outra loita, que a súa causa xa era tamén a miña. Se cadra por estar atenta a iso, ou por despistarme cos estalidos xordos daqueles que, situados nos dous flancos do estrado, empezaron a disparar todos xuntos, foi que me colleu a subida no nivel da auga desprevida. Deime conta cando tiña a friaxe xa enriba, primeiro no embigo, pero xa logo no peito, no colo, na cara. Todo pasou en segundos. Antes de poder reaccionar, xa estaba asolagada. Tentei subir á superficie, pero cunha soa man, pois baixo ningún concepto pensaba soltar a bolsa. Sabía que era a única forma de que a loita se mantivese no futuro, facer sobrevivir esas palabras. Foi daquela cando notei que algo me agarraba da chaqueta e me subía con forza por riba da auga. De xeonllos e cuspindo a auga salgada, aínda ca bolsa aferrada a min, vino de pé, ao alto en fronte miña, movendo a cabeza, máis resignado ca con decepción.
-Xúroche, que non me decatei, xúroche que non souben en que momento subiu a marea.
-Coma sempre
-E que queres, dixen sinalando á bolsa, xa sabes, as palabras…

quinta-feira, 3 de junho de 2010

Antes e despois

A Carlos García, o amor non ten medida, nen fórmulas máxicas, nin ten a chave da felicidade.

I. Antes

Ela durmía a sesta deitada na herba, baixo un sol ardente e a calor abafante que pre dicían tormenta, pensando nel, e soñaba ás veces que voaba.
El voaba a moitos miles de kilómetros de distancia e pensaba en cousas das que ela nunca sabería nada.
Pese á separación e ao ruido dos centos de persoas que a rodeaban, podía esocoitar con nidia claridade os latexos do seu corazón a 300 kilómetros por hora.
E pensaba nel.
Soñaba con eses ollos de anxo, que vía, de cada vez que abría os seus, na luz cegadora do ceo que queimaba ao mirala. Buscábaos no fondo inexistente dun xerro de cervexa, onde o líquido amarelo e espeso non remataba xamáis, cando en cada bico que lle daba ao vaso notaba a lingua del na súa boca e a asa de vidro se convertía en dedos albos, longos e lenes coma febras de algodón.
En todo lugar, a cada instante, tíñao presente, logo esa presencia foi todo na súa vida que quedou valeira de calquera outro contido. Todo perdeu importancia, salvo miralo a el.
Malia ao distanciamento entre ambos ela dixo Ven, e el acudíu presto, alumeando o mundo dela con esa risa que só usan os seguros de si, os triunfadores. Abríu a porta da cela, entrou e sentouse na herba, ao seu lado.
Abre os ollos. Ao tempo que el lle amosa a súa colección de momentos felices ela colga no cuarto de estar o seu diploma en tristeza.
E a tormenta estalou mentras cruzaba Castela. O ceo de Burgos desfíxose en augas bravas que batían contra os cristais dos parabrisas ao tempo que ela adormecía arrolada polos brazos que recollían un trofeo noutro lugar, como premio a alguen que sabe voar.
E ela díxolle Agarda. Perdeu o medo e saíu voando, soñando que conducía, mentres pensaba nel.
*************************************************************************


II… e depois
A min a enfermidade comezoume cunha cabeza de troita. Non Quero decir que fose por comela nin nada, senón que así empezou a manifestarse. Obxectivamente, a orixe desta está nun accidente que sufrín fai anos, pero eu creo que foi por un amor mal curado.
Fóramos os tres pescar, nunha mañá de primavera que chovía. Parecía calquera día menos o último luns de marzo. Ía un frío do carallo, e vento, que queredes que vos diga, o encoro semellaba o mar da Costa da Morte no medio dun temporal. Acendín unha larada e senteime a ler a carón do lume, e nun momento que erguín a vista vin que unha troita aboiaba a cabeza por riba da tona da auga. Vina tan nidia como vos estou a ver agora.
-Ei, aí, aí saltou unha troita
E tras esta moitas máis foron sacando as cabezas. Eles dous volvíanse tolos, cambiando as canas de sitio, lanzando cando eu avistaba de novo unha cabeza, sen entender como as troitas podían saltar cunha auga tan revolta, nun día tan frío, e moito menos sacar a cabeza, pero críanme, en primeiro lugar pola cara de convencemento que tiña e, en segundo, non había razón para mentirlles. Por suposto, aquela mañá non saltou a primeira troita. Só que entón non o sabía. Tampouco lle dín maior importancia ao feito de que eles non as visen.
Á semana seguinte volvín pescar, pero esta vez ao mar, eu soa. Era unha mañá de domingo ben distinta da outra, clara, soleada, temperatura agradable, coa única coincidencia do vento.
Preparei os aparellos, saquei o cebo vivo, miñoca coreana, escollín os chumbos e os anzois. Alí, escondida entre os saíntes dos cantís, en contacto ca brisa, notando o sabor salgado dalgunha pinga dos salseiros que me alcanzaban, sentinme viva por completo, moito máis viva ca nunca. E comecei a lanzar.
A mañá estábaseme a dar ben. De cada lance traía un vello, un pinto, unha maragota. Ía escollendo neles e devolvía ao mar os que non daban a medida legal. Case non se vía ninguén polos arredores. Na pequena bocana tan só se divisaban unhas cantas chalanas ancoradas e multitude de boias das nasas do polbo e das áncoras das gamelas.
As boias eran case todas alaranxadas e brillantes, porque a luz do sol se reflectía na humidade que as cubría.
E pasou o extraordinario. Ao ir lanzar xa por última vez vin que a superficie da auga se tornaba negra, as boias desparecían e quedaba cuberta de cabezas humanas. De homes adultos, para ser máis exactos. A horrorosa visión produciume un profundo arrepío.
Case non atinaba a falar, entre o medo e o noxo. Por fin puiden coller o móbil e chamar. Pulsei a tecla de emerxencia e púxenme en contacto ca Garda Civil. Pedíronme que non me movera do lugar onde estaba, aínda que non era necesario pedirmo porque xa non era quen de facelo. Ao momento apareceron dúas patrullas no alto do cantil e unha lancha de salvamento marítimo planeando pola entrada da bocana.
Non o podía crer. Xireime e volvín mirar. Non podía ser. As cabezas non estaban. Tan só as boias. Boias por todas partes. Nin rastro das cabezas. Agocheime nunha especie de cova feita polas ondas na pedra. Lancei o teléfono ao mar con tódalas miña forzas. Tiña un medo espantoso de que eles me pedisen explicacións do que pasara, cando era claro que laguen me estaba facendo a puñeta. Alguén puxera alí as cabezas e logo sacaraas para meternme en problemas coa policía. Agardei a que se foran e subín. Non tiña nin idea de quen me podía ter tanta xenreira para facer todo eso por min.
Logo, ben, as cousas empeoraron. Unha noite perseguiume un sapo. No funeral dun tío avó meu o sacerdote púxose a tocar un só de violín e únicamente eu aplaudín. Requerín por dúas veces máis a presencia da policía, unha porque o león do cadro de Dalí que teño no salón saíu do marco e ameazaba con comerme, e outra porque a estatua do estanque do xardín da alameda escondeuse tra unha roseira para atacarme. Daquela vez non puiden saír do paso coma cando o día das cabezas e pedíronme explicacións polo que creron era unha broma miña. Cando se deron conta de que eu realmente cría que vira aquelo, mandáronme aquí.
As cousas melloraron moito, pero non de todo. Podo comer sen que a comida cobre vida no prato, pero se paso moito tempo sen medicación, coma hoxe, aínda sigo a ter visións.
Agora, por exemplo, estoulles falando, e teño que convencerme de que son persoas, porque dende fai un anaco, todos teñen cara de parrocha.

Ti, que me viches


Se calquera outro contara a súa historia, deformariaa ata o grotesco, facendo dela unha caricatura esperpéntica do que foi en realidade. Ela, vivindo nun entroido perpetuo, que é este mundo que non lle permite sacar a máscara, ou será ela quen non se atreve?
Camila remexuese inqueda na cama, tapandose máis, pese a que tiña o colo do pixama enchoupado de suor e este empezaba xa a caerlle entre os peitos.
As mantas son protectoras, protexente de todo mal.
Dende a cama, coa claridade da luz pública que se coaba entre as cortinas, podía ver con claridade o saco de cartas, apoiado contra o armario. Esas cartas que fora escribindo ao longo de moitos días, de meses, de anos, e que nunca pensou que terían que ser mandadas.
Non.
Elas tampouco lle farían xustiza, non serían capaces, nin xuntandoas todas de revelar con claridade todo canto pasara pola súa mente durante todo este tempo.
Porque son como son? Sei que debería evitar cometer estes erros, pero non atopo a forma de vencerme a min mesma, xa non teño nin valor nin talento para enfrontarme á miña propia personalidade.
Afondou máis no leito ata volverse un nobelo que aínda embebido pola súa propia transpiración, seguia a tremar co frío.
Camila, onde vas ir despois de hoxe?
As bolsas cheas de roupa e maleta mal amañada falaban dunha fuxida repentina, sen dilacións nin tempo para a previsión.
Na mesiña de noite, un pasaporte e un vale polas millas aéreas que fora acumulando ao longo destes últimos anos, intercambiable por unha viaxe ao destino que ela decidise. E aí estaba o problema, non tiña ningún sitio a onde ir.
Nun principio pensou en volver a O Salvador, mais a que? Alí ninguén a agardaba, marchara con sete anos e tiña trinta, apenas si recordaba algo da súa infancia que non foran cousas malas, non tiña moitas lembranzas que non viñesen acompañadas de berros, de tiros, de lumes. De O Salvador non lle quedaba máis ca uns rasgos exóticos e o alcume de “tochconetl”, como a chamaba Alma.
Podía quedarlle a súa segunda casa, Barcelona, onde aínda vivía súa nai, mais esta refixera a súa vida, agora tiña outra familia e alí tampouco atoparía o seu sitio. Levábase ben con ela, sempre tiveran moita complicidade. Co seu marido tivera moitas reticencias ao coñecelo, logo pasou da aceptación pasiva a un franco entendemento. Gerard era moi bo home e desvivírase por tela contenta, porque se sentise cómoda e parte da nova familia. Gérard tiña un fillo, Jaume, que cos anos se convertiría no seu mellor amigo, no irmán que nunca tivo. A man do Jaume introdúxoa nos placeres máis secretos e prohibidos, el doulle o seu primeiro cigarro, a primeira cervexa, ensinouna a fumar marihuana e a usar o seu pontecial creador. Da man do Jaume entrou tamén no mundo da arte. A través del coñeceu aos novos talentos das ártes plásticas do país, ás vangardas máis prometedoras e aos coleccionistas máis avezados. O Jaume foi quen confiou máis no seu talento, quen a empurrou a buscar novos horizontes sacándolle un billete de avión para París.
Ai, o Jaume, canto o botaba de menos. Levaba moito tempo sen velo, case dous anos, pero a última vez que falaron soubo que marchaba a Libia a traballar nun proxecto urbanístico preto de Trípoli.
Barcelona non era xa o seu lugar, pero a eles tiña que velos. Onde queira que decidise parar, a cidade na que medrou sería unha escala obrigada.
Mirou o espertador. As 3:20 da madrugada. Sentíase caer nunha especie de sopor febril que a mantiña demasiado cansa para estar consciente e demasiado incómoda para durmir.
Gripe en estado inicial. Acusada sensación de malestar xeral. Paracetamol, líquidos e cama.
Pero ela tiña que durmir. As imaxes sucedianselle na cabeza, era coma ter un proxector interior que reproducía unha vez e outra a súa propia vida, e sabía que esto so se interrumpiría durmindo.
Prendeu a luz e camiñou cara ao baño. Colleu un ansiolítico do neceser e unha botelliña de brandi do moble bar, a falta de outra cousa, amañouse co vaso de lavar os dentes.
Mirou arredor súa. Esa éra dende facía dúas semanas a súa casa. Unha habitación de hotel fría e impersoal. Pero non era o peor a habitación na que estaba, senón que por moito que o pensase non tiña un lugar ao que chamar seu, ningún sitio onde agocharse e desconectar. El sempre estaba a falar da súa Carellia natal, da casa dos seus pais, e mesmo tiña outra casa propia en Suiza, con dous fillos agardandoo.
De súpeto sentiuse moi soa e comezou a chorar. Tras dez minutos de pranto os ansioliticos comezaron a facer efecto, unha paz artificial pero pracenteira embargouna por completo. Abríu a fiestra e achegouse ao balcón a respirar aire fresco. As últimas bágoas de Camila mesturaronse cas primeiras pingas de chuvia que ese día mollaban Viena.
*
Co fresco da noite baixaballe a febre. Moi arroupada e quieta oíu á campá do reloxo Anchor dando as catro da madrugada e a súa cabeza voou moi lonxe, a miles de quilómetros e retrocedendo vinte anos no tempo. Era similar o toque do reloxo Anchor ao daquel vello de parede que o seu tio Antonio tiña na casa reitoral, que non a deixara durmir nada a primeira noite que pasara con el na Fonsagrada.
Ese si era un recordo bonito. Os seus días na Fonsagrada con Antonio.
Cando aterraron en Barcelona Camila arrastraba o lastre da imaxe dos militares salvadoreños asasinando a catro homes, seu pai, seu padriño e dous mozos estudantes que de casualidade pasaban a noite con eles xogando ás cartas. Dende aquel día tódolos recordos infantís que gardaba de O Salvador se cubrían cunha pátina dun vermello oscuro e agardaba pola bala perdida que sería para ela e a convertiría nun número máis dunha macabra estatística.
Fora a noite do dez de febreiro de 1987, pouco despois de cear. A avoa Leonor cambiaballe a roupa e pasáballe polo corpo unha esponxa embebida nunha solución de lavanda, papoula e auga de azahar que a axudase a descansar. A nena acababa de cumprir sete anos sen coñecer a paz, e a avoa, sabedora do que esto podía facer a un temperamento forte e maduro botábase a tremar pensando nos efectos que tería sobre un ser asustadizo e de nervios febles coma Camila, e os seus temores non eran infundados.
Se lle preguntasen a ela, podería dicir que o suceso durou entre un segundo e unha vida. A súa memoria mesturaba retallos de imaxes roubadas a un subconsciente que loito moito tempo por non revelalas.
Os militares da ARENA entraron na casa, botando a porta abaixo a machedazos. A avoa Leonor soubo inmediatamente o que pasaba e no seu atordamento aínda acertou a coller a nena núa e envolvela nunha toalla agochándoa con ela baixo as escaleiras, nun recuncho secreto no que outras veces xogaban ao escondite. Dende alí oíron os berros de Alma Estela e os golpes dos militares contra ela e os catro homes, antes de rematalos a tiros. Leonor, sacando o pouco coraxe que lle quedaba logo dunha vida enteira de loita saíu do seu agocho cando os oiu marchar e cruzou a casa ata o salón ca nena ás costas, onde atopou á súa filla berrando abrazada ao cadáver do seu home morto.
Os catro cadáveres recostados nas sillas ou tirados no chan, coma bonecos sen azos, revendo sangue polos orificios dos disparos. Sangue no chan, nas paredes, na roupa de súa nai, e o mozo Lourenzo, que lle ensinaba inglés nas tardes de festa, cos ollos abertos, mirando para ela sen poder vela. Ao ver ao pai quedo, cunha voz imperceptible dixo No-Tajtsin. Esas serían as súas últimas palabras durante meses.
Leonor sacou a ambalas dúas da casa e refuxiaronse na escola, ata que abríu o día. Á mañá seguinte axudounas a chegar ao departamento de Ahuachapán onde tiña dous irmáns establecidos, e de alí partirían, cara México primeiro, e máis tarde cara Barcelona.
A avoa Leonor, que xa o día que as viu marchar en Ahuachapán tiña a morte nos ollos, aguantou o suficiente para sabelas a salvo, o día que soubo que as dúas chegaran ben a Barcelona meteuse na cama satisfeita, rendéndose á fatiga acugulada na alma, e non quixo espertar. Ao día seguinte os sobriños déronlle sepultura na cidade de Turín.
*
A nena Camila tardou catro meses en recuperar a fala. Cando chegaron a Barcelona, a mediados de abril, non atinaba senón a mover a cabeza para dicir si ou non e a indicar o que quería sinalando co dedo, esa era toda a súa comunicación co mundo exterior. A maior parte do tempo, sentábase nun canto, cos ollos moi abertos, á espreita de todo canto pasaba e co polgar metido na boca.
En xuño, aconsellada por antigos coñecidos do finado Anxo (Hai que afastala unha tempada de todo o que lle recorde esa tremenda desgracia, incluída ti) mandou á nena a Galicia, a coñecer á súa familia paterna, aproveitando a ocasión de que un mozo xesuíta destinado na parroquia barcelonense de San Pere Claver tiña que viaxar á Coruña.
Na estación de Sants, despedía á súa pequena sen palabras, apretándoa contra o seu seo.
-Non se moleste en falarlle, padre, ou alomenos non o faga agardando unha resposta.
-Descuide, señora, eu son vasco, e seille por experiencia que non hai mal neste mundo que os aires no norte non poidan curar.
Aquel mozo alto, de pelo roxo e cara rubia, que lle facía xogos cas mans, caíalle ben a Camila, e antes de que o tren entrase en San Cristovo, foi quen de facela rir. Aínda así, a preocupación deste non rematou ata o momento no que baixou á nena do Castromil colléndoa da man e lla entregou a don Antonio Romaní, seu avó.
-Teñá, aquí lle traio á súa neta, abofé que non é falangueira, pero tampouco é atravesada. Coidena ben, que non saben as que pasou.
Deulle a bendición á pequena e sin dicir outra cousa volveu entrar no mesmo Castromil que os levara ata alí, de volta á Coruña.
Camila atopouse no peirao do pobo de Muros, da man dun descoñecido que pretendía ser seu avó, e que tampouco sabía que tirar da boca.
Agora na cama, oíndo a melodía da chuvia ao bater contra os mosaicos do balcón, lémbrase daqueles días pasados cos pais do seu pai. Alí tiña moitas primas e un primo que a levaban da man, correndo ata a praza do Cristo, xogar á pelota, e logo ao peirao, a ver como as bakas descargaban o peixe, o primo sempre atento que algún dos peixeiros lle fisexe un sinal, quería dicir que precisaba axuda para levar as caixas ata o almacén ou ata o furgón, e marchaba correndo para volver pouco despois con vinte pesos dourados que os nenos ían gastar en lambetadas, na de Vilela.
Agora non falaba non porque non quixera, senón porque apenas os entendía. Falaban lixeiros, áxiles, cunha lingua sonora que lle lembraba ao nahuatl, pero cuxo significado descoñecía.
Pouco a pouco foise abrindo, dicía mariquiña, ghaivota, ninghunha, ghato e lus. Aprendeu a comer sardiñas cas mans, coma os primos, e a abrir berberechos e comelos da cuncha, na propia praia, como facían eles.
Así pasou parte do mes de sanxoán, e chegou o San Pedro, a festa ghrande en Muros. Todo o peirao se encheu de atraccións. Cabaliños, autos de choque, rosquilleiras, xogueteiros. Todo o pobo era unha festa. O venres antes a avoa levounas a todas de compras, zapatos negros de charol e vestidos de algodón con estampados de cereixas, todas iguais, menos Alba que xa tiña trece anos e quixo uns pantalóns en vez dun vestido. O día de San Pedro foi á misa con tódolos nenos, e cando o avó lle preguntou á saída se quería churros ela contestou en galego, con acento de pesca “Quero!”. Aquel día de festa había xente comendo na casa do avó, entre ela o xesuíta que a trouxera dende Barcelona e outro mozo tamén sacerdote. Cando Camila o viu, caeulle da man o xeado que viña comendo.
-Ven Cami, dixeralle súa prima maior, este é o tío Antonio.
A nena volveu a sumerxirse no silencio e durante o xantar mastigaba con desgana, engulindo a comida forzosamente a ensaladilla rusa e a carne asada. Logo de que os maiores tomaran café e comezara a partida de cartas, Camila observaba co dedo na boca ao novo tío murmurando ca avoa no cuarto da roupa. Cando se decataron da súa presencia a avoa xirouse finxindo dobrar unha saba e o tio, con toda naturalidade, achegouse a ela e preguntoulle se non lle gustaría coñecer un lugar moi bonito, no alto dunha montaña, con moitos animais, porque a ela gustabanlle os animais, non si? Por toda resposta moveu os ombreiros en sinal de indiferencia. Podía pasar alí con el o resto das vacacións.
Aquela mesma tarde Camila, o padre Arkaitz e Antonio partiron. Eles falaban animadamente, e, con disimulo, Antonio botaba de vez en cando unha ollada polo retrovisor á pasaxeira silandeira que viña detrás.
-Antonio, saiuche trapense, comentoulle con sorna Arkaitz nun momento do camiño.
Cando chegaron ao seu destino, era a unha da madrugada. Na casa do padre Antonio agardábaas aínda esperta Hilda, unha monfortina de aspecto impoñente, máis alta ca o padre Arkaitz e tan forte coma os dous sacerdotes xuntos, que facía as veces de asistenta, ama e axudante de Antonio.
-Hilda, esta é miña sobriña, vai quedar con nós uns días, prepárelle un cuarto.
A vella subíu as escaleiras rosmando e arrastrando os pés polo sobrado de madeira. Levou a Camila ata un cuartiño pequeno onde só había unha camiña, unha mesiña de noite e unha silla.
-Este está libre, non é moi grande pero malo será que ti non te amañes. Ocupouno durante unha tempada unha criada que tivemos mentres eu estiven operada do xeonllo, pero a moi pendanga marchouse co panadeiro, o moi desgraciado, deixar así muller lexítima e tres criaturas, matalos era pouco! Agora din que viven en Oviedo, malas papas os pelen, pero estas son cousas que unha nena non ten que saber.
Escoitaba falar á Hilda cos ollos moi abertos e co polgar na boca, sen contestarlle ren. A vella sacoulle os zapatos e o vestido, metiuna na cama, persignouna e arropouna cas sabas de liño e a colcha de ganchillo ata deixarlle o embozo á altura dos beizos. Logo pechou a porta e deixou a Camila soa na escuridade coa que envolve a saudade, ata que o sono chegou a acompañala facendo que se esquecese da sensación de soidade.
*
Ao día seguinte, nada máis erguela, Antonio levouna fóra. En saíndo da casa víanse os prados verdes das abas do monte Entrecotos, resplandecentes baixo o sol de xuño, algo mollada aínda a herba polo resío da madrugada. Antonio acompañouna ata unha corte baixiña, situada a poucos metros da casa, colleuna no colo e ensinouna a xirar o tarabelo para abrir a porta de madeira trala que apareceron unha ducia de ovellas e seis años que se movían pola corte en infantil brincadeira. O abraio da nena foi tal que a incapacidade de dominar a súa propia excitación provocou que unha seimeira de verbas escorregase dende o máis fondo dela ata os oídos de Antonio, que a miraba satisfeito e orgulloso.
-Son igualiños igualiños ca os dos debuxos animados! e podo coller un no colo, ou quedar aquí e xogar con eles?
Era como se en abrindo a porta da corte a brisa fresca das montañas da Fonsagrada entrase na alma inocente e diminuta de Camila para arrefecerlle as ganas de vida.
Atropelábase cas preguntas, respondéndose a si mesma. Da man do tío acompañou ás ovellas ao prado, acariñando ao Sultán que se lle enceraballe entre os pés a cada paso. Contoulle ao tío das tardes de praia cos primos, dos partidos de futbol na praza do Concello, das horas no peirao vendo descargar sardiña, preguntando porque en Muros sempre había brétema pola mañá, e da visita que fixeran, aa voa máis ela, a unha velliña moi velliña chamada Dominga, que vivía na rúa da Soidade, e que cando a avoa lle dixo: Mire, mamá, esta é a súa bisneta, volvou a cara contra a parede e dixo non ter bisneta “ninghunha”
Porque en Muros todos dicían “ninghunha” e “ghato” pero el dicía “gato” e “luz”e non entendía Camila porque sendo da mesma casa falaban todos tan diferente. E se era certo que tiña que chamarlle Padre Antonio, como lle dixera Hilda. Non, bastaba con Toño, como facía todo o mundo en Lamas. E que cantos anos tes. Ualaaaa, tantos? Miraba as súas manciñas intentando calcular cos seus dez dedos pequenos o número 28.
-E ti porque non tes muller?-Porque non atopei ningunha-Pois papá tivo a mamá.
-Se cadra teño que ir eu tamén onde descansa o papá, sabes se quedaban máis mulleres alí coma a túa mamá?-Claroooooo, un montón.
De volta na casa, mandouna que se preparase para ir de excursión con Arkaitz
Ti non ves?-Non podo, teño que oficiar un cabodano. Pois é coma un cumpreanos, pero ao revés.
Xa á noitiña a voz pueril e diáfana rompeu a quietude da casa.
Estivemos tooodo o día andando, porque Arkaitz quería ensinarme moitas cousas, e tampouco teño que chamarlle Padre Arkaitz. E para que saibas estivemos no Castro de Moreira, que tamén se chama A Coroa, e nese lado o monte non é verde, senón dourado, todo está amarelo, cuberto dunhas flores moi bonitas que nunca vira, os toxos. Pero fomos máis lonxe, sabes? Deica O Acevo, porque el quería ver o pobo onde mataran a un señor que se chamaba Moreno e que antes de ser soldado foi panadeiro,, que ninguén sabe onde está enterrado, e quixo contarme a historia, pero cando me estaba contando oiunos un señor que saía dunha casa moi grande, cunha cara moi redonda e vermella, que me explicou que a Moreno o mataran por ser malo e querer ir contra Deus, e que nunca me meta no Carballal das Veigas porque por alí anda de noite a súa alma perdida, pero entón Arkaitz díxolle ao señor que malos son os que matan, e o señor chamoulle libertario, e roxo, pero eu sei que non é libertario, e díxenllelo ao señor, que Arkaitz non era eso, senón xesuita, que o sabía ben porque o meu pai tamén o era, entón o señor enfadouse moito, púxose máis vermello aínda, fixo a sinal de cruz e dixo San Silvestre!! E meteuse na casa. Logo estivemos vendo as montañas do Alto do Acevo, e di Arkaitz que se pasas esas e logo outras chegas ao seu país, que xa non se chama España, senón País Vasco, e que algún día todos serán países distintos e eu podo elixir ser galega ou catalana se me quedo con mamá en Barcelona, pero que xa non terei que ser española se non quero, pero esto non llo podes contar a todos porque hai xente que non lle gusa, a ti si, se me gardas o secreto, e que papá tamén sabía que en España hai moitos países distintos xuntos. Logo xa estivemos na Pobra do Burón, que por máis que buscamos o Burón non o vimos por ninghún sitio, ighual estaba aghochado, e tamén na Fonsagrada, que está máis alto ca tódolos pobos, e non adiviñas que? Mira!! Teño pendentes novos!! Mercoumos el, e chámanse aros da Fonsagrada.Toño, que é un maricón?
En setembro Alma escribíu á Antonio, que por favor a levaran de volta que tiña que comezar a escola. De Antonio: que problema hai en que se quede uns meses máis? El podía ensinala, só o bastante para que vise a neve. En decembro teríaa con ela, prometido. De Alma: Que non a deixase facer todo o que quixera, e que durmise dabondo porque era moi nerviosa, e que non lle falen sempre galego para que non se lle esqueza o castelán. De Antonio: perda coidado, el mesmo se encargará de ensinarlle catalán ao tempo que aprende galego, para que non teña problemas ao volver a Cataluña.
Chegou o mes de Santos e con el as primeiras neves. Era a primeira vez que a vía. Unha mañá Lamas de Moreira amenceu cuberta dun manto branco impoluto, virxinal coma veo de noiva, e esa mesma tarde, facendo caso da súa promesa, Antonio e Hilda facían a maleta da nena.
Camila levou con ela a Barcelona as cores do outono no Rodil e no Carballido, os verdes intensos, brillantes e gorentosos da herba fresca, os murmurios do río Navia e o estrondo da Seimeira de Vilagocende. No Carrer de Llul agardábana unha nai ansiosa pola súa chegada, e unha cidade onde todos eran estranos sen que ela fixera grandes méritos para que deixaran de selo.
Alma víase obrigada a lonxísimas xornadas de traballo, volvendo á casa moi tarde. Camila, mentras tanto, pasaba a maior parte do tempo soa, encerrada na casa, soñando con volver tirar pedras no Lamas, meter cágados en botes de vidro e comer caldo de fabas con botelo. Pero sobre todo, o que máis ansiaba, era poder durmir unha noite enteira, sen que os militares salvadoreños viñesen a espertala, como lle pasaba en Barcelona, pero nunca antes, nin en Muros, nin en Lamas.
*
Camila volvía cada ano á Fonsagrada, con Toño. O ano no que cumpría os doce chegou acompañada de Jaume, o fillo no novo home da súa, pero que non era seu pai. Ao ano seguinte tivo que volver soa, porque o Jaume tiña que pasar as vacacións ca súa nai de verdade, a que antes fora muller de Gerard, que era andaluza, e en agosto quedaran de xuntarse en Granada, para que ela tamén coñecese Andalucía.
No 1996, coma cada ano, baixou dun tren en Lugo, pero algo mais tarde ca outras veces, porque agora tiña máis amigos en Barcelona e gustáballe pasar con eles a noite de San Xoan. Antonio foi a recollela coma de costume, pero Camila atopouno algo mudado, máis calado e coa ollada moi triste.
Que qué che pasa. Non me pasa nada. Estás máis triste. Só que este ano imos estar os dous sós, a Hilda está moi maior e marchou á súa casa en Monforte. Pois eu coidarei de ti, o Gerard ensinounos a cociñar ao Jauma e a min. Sabes? Agora xa encontrei unha muller. Entón porque estás triste? Porque é a muller doutro.
Ao longo deses veráns de liberdade a nena foise convertendo en muller e desenvolviase con soltura cas xentes do pobo, a mesma que logo forzaba na cidade condal para manter unhas relacións sociais onda menos correctas. Neses meses colleu tamén o costume de escribir longas cartas nas que lles explicaba a súa nai e a Jaume todo canto a preocupaba, a entristecía ou aledaba. Cartas que nunca saían da gaveta do antigo escritorio da casa reitoral, pechado con chave entre carta e carta, chave que ela colgaba ao colo cunha cadea.
Aquel foi o verán máis quente na Fonsagrada. Camila traía con ela vicios que tentaba agochar do tío. Fumaba na palleira, na corte das ovellas, no faiado. Ata que el a cachou sentada dentro do hórreo.
Pero serás parva, aínda pensarás que me enganas, anda anda, que antes de fraile xa fun cociñeiro. Pasa e fuma onde queiras, pero por Deus, nunca preto de materiais combustibles, que me vas incendiar a casa, ca seca que hai.
Dende entón fumaban na porta, sentados ao fresco do solpor, desgustando cadansúa cervexa fría, Pero só unha que se túa o sabe, desta mátame.
Camila enviaballes algunha tarxeta con acontecementos cotiáns. Tivemos tres años xemelgos, e hai que darlles o biberón. Onte fixen tarta de amoras. Veu a visitarnos Hilda ca súa sobriña, e trouxonos requeixo da casa e viño da Ribeira.
Cartas e postais que ían e viñan sen data fixa, sen horarios. Ata ese momento don Adolfo fora o carteiro do zona, mais logo do segundo infarto antes dese verán o sobriño Adolfiño comezou a substituílo nalgúns repartos.
Como te chamas?Adolfo, pero todos me chaman Fifo. Eu son Camila Leonor Estela Romaní de Fagoaga e Cortés. Con ese nome debes ser rica. Non, que eu saiba. E ti de onde ves sendo? De aquí. De aquí de Lamas? Non, da Fonsagrada. E ti? Agora vivo en Barcelona. Vas vir tódolos días? Tódolos que haxa reparto. Se ves algunha tarde invitote a fumar, ti fumas non? Non moito, a verdade. Bah, por un día non pasa nada.
Caía o sol degolado pola tarde, derramándose dende o cumio pola aba do Entrecotos. Sentados baixo o pórtico da igrexa compartían un porro de marihuana.
Deus que sono. Túmbate aquí, a que nunca fumaras algo así antes? Non, así non.
Camila buscaba os beixos de herba de Adolfo entre o fume adormecente, ao tempo que el acordaba metendo a man baixo a blusa dela.
Vente maña e quedamos. Onde? Coñeces o xardín que temos trala casa? E teu tío? A el non vamos convidalo.
O Magnolio Grandiflora lucía en todo o seu esplendor as flores abertas desprendían unha aroma doce pero suave, de sutil seunsualidade, En Andalucía, cando florecen as laranxeiras é tan forte a influencia do aroma que a xente tolea. Eu estiven alá un ano en primavera, mellor que a droga, asegúrocho. Esta fragancia, nenbargantes, é moito máis tenue, pero o resultado ven a ser similar. Sabes porque as flores son tan estrañas? Porque son moi antigas, tanto, que cando elas se desenrolaron aínda no había abellas, e adaptaron a súa forma para seren polinizadas polos escaravellos. É curioso, verdade, a capacidade de adaptación que ten a natureza, quen nos dera ao resto, se souberas o que me custa a min adaptarme aos cambios...
Camila deixara aquela frase en suspenso, parecíalle xa demasiada licencia sobre a súa propia intimidade.
Levantarase unha brisa lene que mecía suavemente as matas de hortensia, o castaño e o magnolio, deitados na herba fresca baixo a pureza dun ceo diáfano que permitía ver máis alá do coñecido, Camila experimentaba un pracer supremo baixo unha chuvia de pétalos de magnolia.
Que foi o que máis che gustou, esto ou a maría do outro día?Esto, sen dúbida. Nunca antes o fixeras non si?Non, alomenos non ata aquí.
Daquela Camila pensaba Ostias, cando lle conte esto ao Jauma.
*
A piques de abrir o día, e Camila non pegara ollo. Durante uns minutos tentou relaxarse como lle ensinaran nas clases de ioga.
Ti imaxínate que flotas, murmurou para si, pero sen resultado.
O horizonte deixaba entrever xa certa claridade entre as masas de nubes que a esa hora aínda cubrían o ceo de Viena. Os tons grises que se despregaban polo firmamento concordaban á perfección co seu estado anímico, tamén ela estaba escura, e por dentro, tamén choraba. El nunca soubera desta negrura, desta tristeza, de tanta soidade, pero agora chegara o momento de que se enterase de moitas cousas. As cartas escritas durante tantas viaxes, en distintas cidades, baixo diversos ceos, chegarían todas xuntas a Carelia, testemuñas xordas do seu malestar, da súa inadaptación ao mundo.
Que podería el saber, na súa infancia perfecta con casiña branca e xardín, do que era sentirse só e diferente, sempre tendo que aprender unha lingua nova, un novo costume, acostumando o padal sempre a sabores estraños, que sabía ninguén nada!
Chamou polo mozo do hotel, demasiados bultos para ela soa. Só a saca pesaría uns dez quilos.
O ambiente húmido e poallento da rúa lembroulle á última tarde pasada na Fonsagrada, aos seu dezaseis anos, unha tarde de setembro abrazada a Adolfo na que lle murmurou no oído Ti imaxínate que flotas, ao tempo que lle deslizaba no bolsillo unha bolsiña con herba Para que te acordes de min. Logo desa tarde, non voltou máis, ao mes seguinte trasladaran ao seu tio a Mérida. Mérida era seca, áspera, moi distinta da Fonsagrada, ou se cadra era Camila quen daquela xa era distinta.
A Fonsagrada, era con diferencia, o máis parecido a unha casa que nunca tivera, e quizáis ía sendo hora de volver a ela.

segunda-feira, 24 de maio de 2010


Debuxabas de cote nun caderno holandés, de tapas ríxidas, plásticas, transparentes. Levábalo contigo sempre, baixo o brazo. Dende a cama escoitaba como raiabas as páxinas brancas, virxinais, cun boli azul de punta fina, con movementos rápidos, áxiles, case vertixinosos, que me puñan a pel de galiña:
-Que pintas, David?
-...Paporrubios, carrizos, merlos. Paxariños, amor, paxariños


Ti tocabas, tocabas, tocabas, sentado ao piano, e eu non podía discernir se eras verdade ou mentira, porque te oía tocar, pero non te vía. Entón, erguendo a voz cantarruxabas "Waltz for Debby" e sentía como me musitabas no oído " Bill Evans no piano, señores, Bill Evans no piano".

Deixeite descansando á sombra dun valado circundado de xestas floridas “O arbusto máis belo, salvo as uces”, deitada nun leito de fentos verdes e tenriños, mentres eu exploraba o leiro, máis aló do valado, saltando por riba deste. Ti virás unhas cerdeiras, e quería traerche cereixas. Alonxeime apenas sete pasos e ao tempo que mexaba ao pé da cerdeira vin un xílgaro cantando, pousado enriba dunha roseira silvestre engalanada cas últimas rosas de maio. Detivenme a escoitalo e dinme conta que non cantaba coma tódolos paxaros, senón que dicía May aid, may aid, may aid, de xeito harmónico, melodioso, pero de súpeto toda a natureza estalou e puden oir o seu berro xordo e afogado pedindome axuda. Incapaz de respostar a tan tremenda petición, fuxín asustado do leiro, saltando unha sebe. En chegando onda ti atopeite ca boca aberta bebendo da calor da maio. Mireite coma se nunca antes te tivera visto. Quería falarche da eseriencia mística que acababa de vivir, de comuñón ca natureza, pero aínda o medo me atordaba.Abriches os ollos. Mirábasme con picardía, cun sorriso case lascivo.
-E as cereixas David?
-Deixeinas. Estaban verdes

Dende Fonfría, onde agora fixeron un miradoiro, vese toda A Fonsagrada. Pérdese a vista preto do Cantábrico. Vense prados e bosques de piñeiro, silvestres e insignes, intercalados. Podes ver cando a néboa espesa se estende dende Ribadeo. Creste libre respirando o aire fresco, alí no alto, observando quilómetros e quilómetros de superficie forestal con moitos contrastes de cores e pobos dispersos entre prados e monte.
Alí estabamos os dous, debruzados a un baleiro interior que se estendía máis aló do horizonte nun atardecer onde non faltaba ningún ton de gris existente, con miles de matices dentro da mesma escala cromática da saudade.
-Pois se che gusta isto, tiñas que ver os solpores de Santorini. Pura maxia neno, pura maxia.

quinta-feira, 15 de abril de 2010

Adagio, mais non moltto, relato completo, tal como publicou Xerais, tralo X certame literario Os Viaductos

1. Adagio, mais non moltto.

Jonás tiña unha teoría de porqué a música amansa ás feras e calma os ánimos. Segundo el, o cerebro necesita máxima concentración para trasladar os sons musicais a un nivel intelixible, e por ende, ten que deixar o que está facendo.

Jonás tocaba coma Deus, se Deus tocase, se entende. Cando el collía o saxo xa os nosos cerebros se puñan en funcionamento. Cada un deixaba o que tiña entre mans e sentabámonos a escoitalo. Ensaiaba no seu cuarto, ca porta aberta adrede, para que todos puidesemos oílo. Jonás non facía música, sinxelamente deixaba que a música saíse del, e fluía con suavidade dende o seu interior ata o saxo, e de aí a nós. Cada nota evocaba un sentimento, unha sensación única e non repetible. Todo na súa música era unha evocación. Cada un interpretaba a música segundo as súas circunstancias. A este lembráballe a unha tarde de inverno, ó outro levábao a unha rúa de París, a aquel a un local de Lisboa.

A música é só unha, pero os resultados moitos, dicíanos el.

Ensaiaba de pé, fronte ó espello, e cos ollos abertos para verse como o vería o público. O que practica non eran as melodías, que non lle facía falta maldita, senón os xestos, as posturas. Interpretar unha peza, dicía, non é tirar notas encadeadas, eso pode facelo un magnetófono, interpretar hai que facelo como un actor cumpre cun papel, adaptándose a cada unha, só así se consegue darlle o máximo esplendor a unha actuación musical.

Daquela Jonás tocaba no Dado´s, o local que Eduardo Matos tiña na rúa Nova, e con el Tito Fontana ó piano e Albert Ricart ó contrabaixo.

Actuaban de luns a xoves e deixaban as fins de semana para actuacións privadas ou grandes celebracións, completando así un soldo de músico que, segundo eles, non chegaba para nada. De todos xeitos no Dado´s non había moita concorrencia máis aló do xoves por esa manía dos coruñeses de fuxir da cidade en fin de semana.

Niso se nota que esta é unha cidade feita a golpe de desertores do arado, dicíame Nen Ricart cando me queixaba do baleira que estaba a zona vella os venres.

Eduardo seguía ca teima de manter o local aberto toda a semana, nunca comprendín moi ben para que. Eu traballaba nas quendas de fin de semana, ben, o de traballar é un dicir, o traballo máis grande que tiña era o aburrimento. Había noites onde non pasaba de por dez copas nas cinco horas que permanecía tras a barra. A inactividade chegou a cansarme máis do que me cansaría o propio traballo. Ricart viña algunhas noites de venres para acompañarme e nesas horas mortas atreveuse a ensinarme algunha nota de piano.

Eu non son Fontana, pero xa nos apañaremos, mellor esto ca o contrabaixo. Ti déixate levar. Poñía as súas mans suavemente sobre as miñas e ías desprazando polo teclado para que eu fose recoñecendo as posicións. Ricart tiña unha paciencia infinita ca miña torpeza, e culpábase a si mesmo dos meus poucos avances.

As cousas levan o seu tempo, ten paciencia. Temos que sacar o mellor de ti, e esto non vai ser correndo. A música non se ensina, está dentro de nós, hai que sacala a fóra.

A construción física das miñas mans, dedos curtos e anchos, tampouco axudaba moito.

Desculpas de mal pagador. Na historia houbo músicos xordos, e cegos. Vaste vir abaixo por ter os dedos curtos?

Comparábaos cos seus, áxiles, lanzais, movéndose coma xuncos e sentíame incapaz de seguilo.

Ricart ganoume pouco a pouco, en tódolos sentidos. Non sei se o buscaba, pero eso foi o que pasou.

Nunca mirara para el desa forma. Comecei a facelo dende as clases. A partir daquel momento descubrinme a min mesma buscando os seus ollos mentres tocaba os tres, e curiosamente sempre batía ca súa mirada buscándome. Entón daba a volta avergoñada e seguía un cacho mirando ó chan, ata que outra vez levantaba a vista e estaba alí, mirándome.

Pode que o descubrises agora, pero eu mireite dende sempre...Igual non me vías ben, polo fume, digo.

Mantiven o costume de mirar ó escenario cara ó sitio que ocuparía Ricart aínda despois de que el marchase, para sorpresa do neno mexicano que o substituía, agardando sempre toparme de novo ca súa mirada.

Pero agora quería contarvos de Jonás.

Ademais de saxofonista era profesor de música, facía arranxos de pezas e compoñía, cabeceiras de programas, bandas sonoras de anuncios de radio e televisión, esas cousas. Tamén algunha que outra peza para as súas actuacións. Unha noite de xolda ocorréuselle un título para unha peza que estaba a rematar, O vagabundo borracho. Pero os outros non llo aceptaron e cambiouno polo máis sutil de Entre as xunqueiras, á beira do río.

Tiña un punto fresco de loucura. Ese toque máxico daqueles que son medio xenios sen sabelo, dos que non se deixan asombrar polo talento propio. Na funda do saxo pintara uns xirasoles sobre un fondo vermello. Dicía que lle recordaban a un campo de Castela onde parara unha vez a mexar, indo camiño a Madrid.

Os xirasoles pase, pero o fondo, non sería vermello, digo eu.

Non che sei como era, pero é así como eu o recordo. A musa das miñas últimas pezas foi unha prostituta da Barceloneta, en cambio aqueles que a escoitan pensarán que falo dunha princesa moderna. E mira, tampouco se equivocan tanto, hai algo de princesa en cada puta, e seguro que hai algo de puta en cada princesa, anque non o sei, porque non coñezo ningunha. As cousas son sempre segundo se ven.

O único que lle falaba era paciencia. Era un desesperado cando as cousas non saían ó seu xeito, e tivo que deixar de dar aulas por este motivo. Os rapaces volvían á casa chorando polas berros de Jonás, e os pais remataron por solicitar do conservatorio a súa destitución.

Son uns bichos horrendos, é como escoitar a un corvo gramando. Mira, escoita esta gravación, non hai corpo que o resista, por amor de Deus! Que sentido ten perder o tempo con eles? Fágolles un favor ós pais impedíndolles que tiren cos cartos, alguén lles tiña que abrir os ollos, e como tal deberían estarme agradecidos. Son unhas malas herbas, e xa postos, non preciso nada deles.

Era un algo especial, o Jonás. Andaba sempre medio perdido, sen acabar de definirse nin de atoparse por enteiro. Fuxía a miúdo dos sitios, sen saber que tentaba fuxir de si mesmo, ata que un día decidiu quedarse, no momento no que atopou a Fontana e Ricart. Mágoa que logo este tamén marchara e Jonás volveu a sentirse desorientado. Fontana tomou entón as rendas e buscou un substituto para Ricart, que nunca acabou de callar de todo, hai que dicilo, por máis que o intentou, cónstame, porque ensaiaba a todas horas no local e non era malo de todo. Creo que nunca se acostumou a que os outros dous buscaran en el a Ricart. Se ben ao coñecelo empecei a odialo, por ter ocupado o sitio de Ricart no Dado´s, logo acabou por darme pena. Esforzábase en algo que ninguén lle agradecía nunca. Tocaba ben, moi ben, sabía as partituras, poñía interese.

Pero non era el, en ningún sentido. E notábase.

E logo veu que aquelo de enfadarse con Fontana por unha rapazada, e non querer tocar máis no Dado´s só por amolalo, e comezou a facelo por distintos locais, moito peores ca o Dado´s, e ás veces tiñámolo visto actuando na rúa, as máis das veces na estación de tren, algunhas na de autobuses. Ata que o perdemos de vista. Desapareceu dun día para outro sen dicir adeus, tan misterioso como chegara. Sendo como era tan parco en todo, ata nas pertenzas, a súa vida cabía nun vello macuto militar. Quedamos os tres un pouco tocados, se cadra cada un para si se sentía culpable da súa marcha. Eu repasaba cousas que tivera dito ou feito nos meses antes e pensaba en que lle fallaramos. Eso foi nada máis ó principio, porque logo aceptamos que Jonás non era home de costumes, nin de residencia fixa, que el non tiña patria senón que a súa patria eran el e o seu saxo, e música que creaban entrámbolos dous. Sentímonos aliviados, sen dúbida, aínda correndo o risco de enganarnos esto foi o que nos repetiamos día a día para poder durmir.

A casa en Santa Xema era grande de máis para nolos tres, e a falta do músico veu ocupar o seu sitio un estudiante de audiovisuais que se cría a reencarnación de Welles e se pasaba o día filmando a nosa vida diaria, ata o punto que tivemos que pararlle os pés e pedirlle que deixara por favor de invadir a nosa intimidade. Ao ver o seu desconcerto accedín a que me gravase mentres eu ensaiaba as miñas obras, pero só entón e sempre avisándome previamente de que ía a gravar. Ós poucos meses presentou un dos seus traballos a un concurso de curtos e gañouno. Nunca pensamos que a vida en común dunha actriz en paro, un pintor e un aprendiz de bruxo puidese ser tan interesante.

Se cadra chócavos o de aprendiz de bruxo. León era francés, nacido en Clermont Ferrand, pero neto de españois exiliados en Francia. Cando era neno veraneou un par de veces na Coruña e visitara cunha tía súa un curandeiro de Negreira. Esto impresionárao tanto que decidira facerse curandeiro de maior. Ignorando o feito de que para iso hai que ter un don de nacemento, viñérase aquí e entrara a traballar como aprendiz dun bruxo que daquela tiña consulta na parroquia de Fecha, deixando en Francia unha carreira como farmacéutico de pobo. Ata o momento no que marchara Jonás non evolucionara moito, anque comezamos a convencernos das súas aptitudes ó pouco de desaparecer este, cando nos augurou que Jonás marcharía á outra parte do mundo, que o vía cabeza abaixo. Aquilo púxonos un pouco nerviosos ós outros dous, ata que un amigo de Fontana, piloto comercial, nos xurou e perxurou que o atopara no aeroporto de Camberra, actuando co seu inseparable instrumento, pero que cando quixera falarlle xa non o vira, e que lle trouxera tantos recordos dos bos momentos pasados na Coruña que pediu uns días libres para virse aquí.

Con este amigo de Fontana, que se chamaba Armando pero todos lle chamaban Pitufo, porque de pequeno tardara moitísimo en dar o estirón e ía sempre por detrás dos outros en altura, pasei uns días moi agradables. Pódese dicir que case me convertín, máis ca na súa guía, na súa sombra. A este, que levaba tantos anos fóra, o tempo tíñao enganado. Cría que ó volver aquí o toparía todo como estaba cando el era mozo e veraneaba aquí, pero dende aquela pasaran case 20 anos, e todo mudara moito. A xente que formaba o seu entorno entón xa non estaba, e no seu defecto o lugar que deixaran fora ocupado por unha nova xeración, que non compartía para nada os criterios, os gustos nin os principios dos que xa tiñamos os trinta cumpridos. E, a pesares de que a min non me coñecía, eu fun o mellor ó que puido agarrarse para superar a desilusión de decatarse de que o mundo que recordaba se esfumara e só seguía vivo no seu maxín. Moitas tardes nos temos sentado nos xardíns de Santa Margarida a falar deste tema. Lembrábamos tempos vellos, cada un falaba da súa experiencia e das súas vivencias, poñiamos en común o noso descontento co cambio. Todo nos parecía sen dúbida moito peor e máis degradado. A xente nova é unha desagradecida que só vive para a festa, perderon a empatía, carecen de valores básicos como a responsabilidade ou a lealdade ós compañeiros. Fíxate que non teñen ideas propias, copian o que ven cal papagaios. Mira como son, se parecen todos iguais.

Logo destas charlas, que sempre nos daban moita sede, baixabamos ás terrazas da Marina, ou de María Pita, consumiamos cervexas na cantidade suficiente para ver como se nos ían as ganas de chorar e volvían as nosas a ilusión aquela de esta vai ser unha noite xenial. Entón sabíamos que era hora de empezar a festa. Primeiro unhas racións de tigres rabiosos e pementos de Padrón no 43, logo, a visitar a Leopoldo, Leo, o home do bar, como el se facía chamar nunha retranqueira traducción do inglés barman. Armando contoume nunha desas noites que a pouco de Leo coller o local La Fuente, veu un rapaz deses moi intelectuais e ó oílo dicir home do bar en substitución de barman explicoulle máis de cara á concorrencia que ó propio Leo “Home, a traducción correcta sería barrista” “Oes ti, pasmón, barrista será tu puta madre”. Leo sempre tivo un carácter moi forte, explicábame Armando. Leo facía os mellores mojitos da cidade, e se me apuro de toda a provincia.

Agora hainos enlatados, ti imaxínaste, os mojitos en latados? E que será o próximo? Caldo precociñado? Xesús, que dexeneración, exclamaba mentres machucaba herba boa nun morteiro para nos servir unha volta.

Cando Armando se foi fíxome prometer que nos primeiros días que tivera libre o chamaría para saber por onde andaba e quedar con el, que me arranxaba sen problemas un billete de avión e nos víamos onde el estivese, que agora era a súa vez para acompañarme a min.

Volvino a ver fai pouco, en circunstancias menos lúdicas ca daquela, no funeral de Leo. Entón tamén vin a Fontana, quen me contou sobre Ricart que agora volvera á súa Cataluña natal, e do neno mexicano, que casou ca filla dun edil da cidade e agora traballaba na Compañía de Tranvías. Contoume en voz baixa que nunca quixera perder o contacto co Ricart porque sabía que Jonás podía volver en calquera momento, e daquela volverían a xuntarse e todo sería igual ca antes, pero para eso tiñan que saber uns dos outros. Sería moi fácil chamar a Ricart e convencelo de que volveran tocar os tres xuntos. O único malo era que o Dado´s xa non era de Eduardo, nin se chamaba así. Embargárallo o Banco Santander que a súa vez llo vendeu a unha cadea de cafeterías de orixe alemán ou italiano, non estaba moi seguro. Pero eso era o de menos, xa se amañarían para atopar outro sitio, o importante era que estiveran xuntos de novo.

Dáste conta de que nunca fomos tan bos por separado como cando estivemos os tres xuntos. Eramos o complemento perfecto uns dos outros. Hai que ser optimista, así que penso que volverá, pero tamén teño que ter os pés no chan, e se cadra esta é a última oportunidade que temos, porque, sexamos sinceros, non nos imos facendo novos, xa me entendes.

Eu, que me quedara soa con León logo do inesperado triunfo de David na súa exposición de principiante en Madrid, anque León opinaba que aquilo non era triunfo senón chorra pura, porque ninguén agardaba que a un xeque medio ido se lle dese por mercarlle a colección toda por unha burrada, e que, dito de paso, os cadros de David non valían tres pesos furados, pero gracias á loucura momentánea daquel árabe, que pola pinta os únicos cadros que debeu ver na súa vida eran os das portas e das fiestras, agora o David pegábase a vida en Londres tentando contaxiarse das correntes no novo Pop-art, mentres tanto nós podreciamos nesta cidade, e que xa estaba votando contas para volver a Francia e instalarse en París e abrir alí unha consulta de ocultismo ou de medicina alternativa, que esto non o tiña aínda moi claro, pero como estaba sobradamente preparado para ambas cousas, tería éxito asegurado, e a ver que cara puñan entón estes mexericas que lle negaron o ingreso na Academia de ciencias ocultas, pensaba a miúdo como Fontana. O reloxo non conta cara atrás e o tempo non se detén por ninguén e xa empezara a planear a posibilidade de cambiar de aires, de traballo, de compañías, pero sobre todo de soños. Vendo o moito que tardaban en chegar, ca mesma se perderan polo camiño.

Pero logo enfermei, e xa non houbo forma de seguir cos plans que tiña. Todo mudou de pronto, para peor, aínda que hoxe este xa afeita e non me custe tanto sobrevivir, daquela tiña que facer auténticos esforzos para querer estar viva. Cando eu ingresei por vez primeira Ricart veume ver e souben da súa vida. Alegreime moito por velo tan ben, pero sentía as poucas intencións que tiña de volver nunca aquí, sobre todo porque cando me preguntase Fontana tería que dicirlle a verdade, e eso impúñaseme moito. David tamén se pasara antes da operación, e foi cando me trouxo o disco gravado por Jonás. Era unha recompilación das súas mellores interpretacións e algún tema novo composto por el, gravárao en Londres, e alí o topara David, de causalidade, paseando unha tarde por Nothing Hill. Jonás seguía de músico nas rúas, a veces tocaba nalgún local, mesmo tivo tocado nalgunha sala boa de Londres. Aquel disco fora parte dun pago por parte dun empresario do ramo, propietario dunha discográfica e de varias empresas de espectáculos. Diferíralle o pago por varias actuacións á gravación deste disco. Tan só sacaran unhas cantas copias, a miña era unha delas. Poucas foran ás canles de distribución discográfica, as máis delas acabaran en discografías privadas e en emisoras populares, pero algo era algo. O triunfo que nós agardabamos para el nunca chegara, pero nunca soubemos se el estaba desgustado ou decepcionado por todo o que a vida non lle dera. Nalgunhas reunións que tivemos co gallo da miña enfermidade temos discutido esto. Eu opinaba sempre que non, que o triunfo non era o que lle preocupaba máis, senón poder seguir facendo música. O seu gran medo era que chegase un día no que non fose capaz de tocar. Creo que ó final se converteu nunha obsesión tal que influíu no arrebato de abandonar o grupo e a cidade. Cando chegase aquel día non quería que ninguén fose testemuña do seu declive, e sabía que antes ou despois tería que vivir ese momento.

Sempre estiven acertada na miña teoría, anque so o souben moito despois, cando xa me estaba recuperando do transplante. Entón foi cando me contaron que Jonás levaba moito tempo morto.

De feito, cando David viñera de Londres para a miña operación e me trouxo o famoso disco, el xa morrera. Matárase á semana seguinte da gravación. Estivera uns meses antes da gravación sen tocar. A parálise producida pola arteriosclerose impedíalle xa agarrar o saxo. O día chegara, e Jonás, preparado dende facía moito tempo, soubo que non podería soportalo.

Dous anos despois de pasar todo esto non volvín a pensar na consecución dos meus soños como o motor da miña vida, senón que este é as ganas de acadar eses soños.

O motor de Jonás nunca foi acadar a gran fama como músico de jazz, senón facer jazz. Esto, é o único que tendes que saber del, o que podedes escribir sen temor a equivocarvos. Aí radica o punto culminante da súa biografía.

Os xornais ingleses publicaron, pouco despois do seu pasamento, que a avaricia foi o que ou levou.

Hai cousas que nunca deberon ser escritas.

A fin do camiño, relato premiado no Certame Galicia en Euskadi, Universidade País Vasco, ano 2009

I

Aínda hai moito por andar.

A pesar de que o camiño parece gastado, quédalle moito por dar.

É un vieiro mal empedrado, nalgún sitio lousas para tapar a terra, pero nos máis, terra pisada mesturada con croios. Non pega aquí, entre tanto verde. Máis ben, parece que foi sacado dalgunha cidade seca, dalgún arrabalde castelá ou madrileño. Todo bordeado pola marxe esquerda por naves e algunha que outra cheminea cheirenta, e, na dereita, o río, non menos cheirento cas chemineas. Tan só as pontes que o cruzan rompen a monotonía do rueiro do polígono industrial.

Son tres. Todas en madeira escura. Vense fortes e sólidas. Intégranse ben no medio, tan sobrias. Conducen a outro vieiro, máis cutre se cabe, pois ese do outro lado do río nin sequera ten partes lousadas. Agora que o penso, non levan a ningún sitio, ou levan a todas partes, depende de onde ti queiras ir. En senso estricto, rematan onde empezan, xiran sobre si mesmos, e conducen o un ó outro. Nada máis. Esto é todo. Vese a xente paseando, levantando po a cada pisada que se mestura co aire quente desta tarde de setembro. Ó chegares a unha punta non queda máis remedio que volver sobre os pasos dados ou cruzar unha ponte e acadar a outra marxe, con idénticos resultados, pois a parte circundante desta marxe remata un par de quilómetros río arriba, onde está a terceira ponte. E volta a empezar. Ata eles hai que ir a propósito, non se vai por eles de paso a ningunha parte. Un ten que entrar no polígono, rodear algunha nave ata topar unha entrada, e xa da no paseo da beira do río. E para saír, o mesmo. Rubir por algún desmontado cuberto de silvas e herbas ou buscar o mesmo lugar polo que entraches. E pese a estas dificultades está cheo de xente. Costa crer que se poida acceder voluntariamente e por gusto a un lugar tan feo para pasear. Un imaxina que o paseo ten que estar acompañado dunha vista agradable, fermosa, digna de contemplación, e non desto. Eu veño tan só por estar soa e por esquecer que o estou, aínda que no fondo, todos o estamos. Cría que aquí atoparía pouca xente. Pero xa vexo que non é así. Se cadra, todos tiveron a mesma idea. Buscando a soidade acabamos por ter que aguantarnos mutuamente, apartándonos uns dos outros para non bater ó cruzármonos no carreiro, mantendo a vista ó chan para non pertubar ó contrario ca túa ollada indiscreta, finxindo que non os ves, que non te decatas de que están aí tan ben coma ti. En agradecemento eles farán o mesmo, cumprindo un pacto tácito que dará paso a esa sensación de soidade que fomos buscar, pese a ser case unha multitude. Tan só neste século se podería acadar tal sensación nestas condicións. De verdade o ser humano é algo extraordinario. Ningún outro animal sería capaz de semellante fazaña.

Seguro por esto nos consideramos os reis.

Queda camiño aínda.

Un pode dar tódalas voltas que queira, por eso sempre haberá camiño. Para os máis, o camiño chegará a onde lle cheguen as forzas, para outros, será tan grande coma o día. As distancias non se miden igual para todos, depende da vara de cada quén.

O camiño, as veces tamén, non da pistas de onde estará a súa fin e cóllenos despistados sen darnos tempo sequera a botar contas do andado.

Cando era pequena sorprendíame que o mundo seguise aí cando eu me levantaba, xusto onde o deixara a noite antes, ao deitarme. Pouco a pouco fun entendendo o nada que somos. A vida, pensaba daquela, continúa sen nós, agora máis ben penso que continúa a pesar de nós. Non somos ninguén para o conxunto do mundo, as nosas circunstancias persoais son indiferentes para o que entendemos como realidade e a nosa dor non condiciona as actividades dos demais. Saber que mentres un sufre aqueles que o rodean son alleos ó seu sufrimento non é de todo unha boa terapia.

Unha constatación máis do pouca cousa que significamos. A nosa existencia, ou mellor dito, inexistencia, non cambiaría nada en todo esto que nos rodea. Por contra, cada pequeno movemento do noso medio si que nos afecta ós individuos, por máis independentes e autónomos que nos pensemos, que nos pensamos, que dúbida cabe. Dona Rosa dicía a cada tanto “Non somos nada”

Qué razón tiña.

O camiñode miña avoa rematou esta tarde. Agora o meu ten que levarme ata onde a velan, onde están as miñas raíces familiares. Onde está a orixe.

II

Gravei a imaxe de Pablo na cabeza porque nunca está cando quero velo. Fixen o mesmo coa voz e co resto.

Espero, mentres velamos o cadáver, que soe o teléfono e escoitar outra vez “Ola, son Pablo”. Pero non ocorre iso, malia a cantidade de chamadas que hai, pois tras cada toque de timbre telefónico ven unha pregunta estúpida do tipo a que hora é o funeral, ou de cor queremos as cintas dos ramos. Séntome preto da caixa e agardo compunxida, nunha actitude que todos atribúen á morte sobrevida da anciá de case cen anos a quen case non coñecía, ata que o olor profundo e penetrante das flores que abarrotan o cuarto, rodeando o cadaleito, riba do cristal que o pecha, tralas cadeiras, por todas partes, acaba por marearme. Ese aroma, estoxadizo de tan doce, parece concentrar nesta estancia a esencia de miles de primaveras.

Tódolos meus pensamentos escapan por outros camiños fuxindo da morte que temos diante. Como queira que creo que nesta situación pensar en algo que non sexa o defunto pode considerarse pecado mortal, tento concentrarme para sentir algo de pena. Non podo sentila por ela, logo, só queda compadecerse dos que si a choran de verdade, cumprindo así a máxima cristiá de “chorar cos que choran” e medito no sentido do seu dolo. Supoñendo que esta xente ten unha fe moi superior á miña, mais ben diría que esta xente ten fe, dubido se o pranto é o modo máis axeitado de demostrala. Suponse que a morte da comezo a unha nova vida no ceo, polo tanto deberían estar ledos. A dor ven sendo a manifestación que fai a parte animal que todos levamos dentro.

Nestas divagacións boto boa parte da tarde, cando a miña mente se desentumece son preto das oito e anoiteceu de todo e, pese a ser finais de marz,o vai frío. O día estivo soleado pero as temperaturas non soben o preciso para quentar as noites. Abriron as fiestras para ventilar a habitación. Tanta xente xunta e as velas acesas volven a atmosfera viciada e pestilente. A brisa fresca que entra renova o aire, pero xéame os pés. Envólvome no chaquetón de pano negro e esfórzome por sentir dor. Sinto a que teñen neste momento miña nai e miñas tías, á fin a elas marchoulles a muller que as trouxo a este mundo. Póñome no seu lugar e noto un baleiro no estómago, unha náusea profunda que me percorre enteira e unha estraña sensación de vertixe se apodera de min. Por vez primeira comprendo que non vivimos para sempre e por esta situación pasarán meus pais, cedo ou tarde, e ca mala sorte que teño, estarei aquí para velo, e sufrilo. Non me preocupa o meu propio pasamento, porque xa non serei eu, nin estarei en min, non sentirei o que pase comigo, pero si o deles.

Sexa mañá ou en trinta anos, estarei orfa. Todos faltarán pouco a pouco. Pais, irmáns, amigos. Estes que hoxe nos acompañan teñen o recurso da fe, pero, que nos queda aos que non cremos? Ben mirado, teriamos que sentirnos moito máis desesperados ca o resto, e sen embargo, non é así, ou pola forma na que se comportan estes, non o parece. Mostran un desconsolo absoluto, que no caso dos fillos da defunta entendese, pero os demais?

Curioso, dende logo, a nosa postura ante este fenómeno tan natural coma a vida. Un feito no fondo tan sinxelo e somos capaces de complicalo ata o infinito. Todo canto rodea a morte é cultural. Podemos estudar como é un pobo segundo o xeito no que se comporte ante a morte. E nós, os galegos, somos mestres en esaxerar. Mostramos un desconsolo que non hai, ensinamos unha pena que non temos, e todo se converte nunha estupenda representación escénica, uns finxindo a dor e forzando o pranto e os outros finxindo que cren na dor dos primeiros. Pero tamén temos algunha peculiaridade cultural positiva. Como parte da nosa herdanza celta mantivemos o costume de enterrar aos nosos preto dos vivos, por esa razón os cemiterios galegos rodean as igrexas e se esparexen polo igrexario, no medio dos lugares, sen maior problema. Ata o día de hoxe no que o moderno é levar os cemiterios ás aforas, coma si se tratase de polígonos industriais. Calquera diría que nestes lugares se levan a cabo actividades nocivas e perigosas, pola forma de afastalos.

Pero non é so iso.

Cada familia aparta tamén da súa vida ao defunto o antes posible. Se ben antigamente se velaban na casa a noite toda e o finado non saía senón para recibir sepultura, agora medran modernos tanatorios. Edificios fríos, asépticos, impersoais e, todo hai que dicilo, feos a máis non poder, pero non hai concello que se prece que non promova ou mesmo levante por si un tanatorio coma o colmo dos servizos municipais. Os maiores din que son as novas xeracións as que o queren deste xeito, por non pasar o traballo e as complicacións que da un velorio na casa, pero eu coido que non é tanto o trasfego senón a necesidade de afastar a morte das nosas vidas. Non queremos despachar pronto ao defunto, o que queremos e non ter que pensar, que nada nos recorde aquilo ao que estamos destinados. Porque o certo é que no mundo actual non hai sitio para a morte, nin para o culto aos mortos. Nada se fai con agarimo lonxe da propia vida. Polos catro puntos no noso pais se poden ver cemiterios abandonados, sepulturas cubertas de herba, pedras ennegrecidas do tempo, que ninguén se digna a limpar. Non, non é o traballo o que se quere evitar, senón a morte. E a isto, por riba, chamámolo modernidade. Porque cando cen cousas avanzan e noventa e nove retroceden, dicimos que progresamos.

A morte en Galicia debería estar considerada parte do patrimonio cultural. Tiñamos carpideiras, Santa Compaña, enterradores, sancristáns que sabían tocar a morto diferenciando se era home ou muller, Día de santos Defuntos nos que nenos e maiores rendían homenaxe aos seus seres queridos finados. A xente convivía co feito da morte día a día. Todos eran o morto, e a solidariedade neses casos quedaba fóra de toda dúbida. E agora, en aras da globalización e do progreso, xa non quedará nada de todo aquilo. E porque? Pois porque esta nova sociedade fainos vivir coma se non fósemos a morrer nunca. Mostrar a vellez, a enfermidade, a desgraza ou a morte vai en contra do sistema, non queira Deus que alguén se decate do finita da existencia e non merque, non invista, non traballe, e se dedique á vida contemplativa e non a engordar o capital dos que mais teñen. Si, en verdade estamos progresando. Vaia, embróllome de mala maneira. Como cheguei a esta conclusión? Xa sei, non quería pensar no impensable por non ofender á miña defunta avoa. Non creo que ela se ofendese de todos xeitos. En trinta anos vina, por xunto, unhas tres ou catro veces.

Desexaría oílo de novo. O teléfono soa e soa, pero ninguén contesta ao “Diga” ca súa voz e consólome dándolle ao play da miña memoria, unha volta tras outra, e oíndo só para min aquela primeira resposta, que non foi “Ola, Son Pablo”, iso viría máis tarde, daquela foi algo así como “Alló, moi, c´est Paul”.

Escoito o rosario, a xente falando e ata rindo no corredor e na cociña. Ateigan a casa por todos lados, fan colas para iren ao lavabo. Vexo que miñas primas se murmuran algo unhas a outras en baixiño, e aínda por riba tapan a boca coa man, non vaia ser que alguén tire algo do que están a falar. Supoño que andarán a ordenar a cea sen contar comigo porque como eu non son unha muller de proveito coma elas, traballadoras amas de casa de moito goberno, non podo saber facer nada. Os meus coñecementos, pensan elas, andan en termos máis académicos do que a pota de caldo ou a carne ao caldeiro.

Decátome de que non me despistei moito porque fai unha hora que andaban conspirando e xa nos chamaron, aos íntimos, que nos contamos por ducias, a cear, por quendas, para non deixar o cuarto do velorio desatendido. A xente de fóra foi marchando xa. Logo da hora da cea virán aqueles que non o fixeron desta volta. E de cear, caldo, porque é comida humilde e dá ben co loito e co duelo. De sobremesa collo unha mazá, apenas comín tallada, non son moito de carnes, e boto o café con leite para min ante as miradas acusadoras de miñas tres primas, que esculcan cada movemento meu dende o outro lado da mesa, así que nun intento de lle dar as costas a Castela, séntome nun butacón raído e medio afondado en fronte a cociña, atizo o lume que se apaga e boto máis leña ao tempo que as caramonas brincan dende as ascuas acesas deica os mosacicos para rematar convertidas en cinza nada máis tocar no chan. Sei que seguen a mirarme, non as vexo pero podo sentir como se me clavan tres pares de ollos nas costas e adiviño incluso as súas miradas chocarreiras “Xoga coma os nenos, dende logo...” .

Ignoro o porque desa xenreira e ao tempo finxo que a ignoro. Prefiro afondarme nos meus propios pensamentos e botar ao lombo os seus prexuicios de mulleres limitadas que reflicten en min as súas propias limitacións. Que represento eu para elas? Por unha parte son o “seu negro”, no que non queren converterse por ser aquelo a quen toda a vida lle ensinaron a evitar, por outra, dexerarían que algo das súas vidas tivesen da miña. Desprezanme polo que me envexan e o medo que lles produce esa sensación provoca o seu rexeitamento cara min. Se souberan moitas cousas non me terían tanta xenreira, a miña vida non é un capítulo de serie americana, nin un conto do romanticismo inglés. Teño máis cavilacións das que elas supoñen e síntome desgraciada sen motivo. Telo todo non é sinónimo de poder disfrutalo. Pero aínda así, a miña liberdade en todolos sensos da vida é un insulto á forma na que as educaron a elas, porque a única meta que lles ofreceron como desexable para unha muller era o matrimonio, unha familia, todo o demáis vai sometido a ese precepto sacrosanto que xa en pleno século XXI ten que bater con todo canto as arrodea. As tres deixaron as súas carreiras pola familia, non porque non puideran concilialas, senón porque nin sequera se plantexaron esa cuestión. Para estas tres o seus traballos non eran máis que unha axuda que non precisaban e lembro que Belén me dixo unha vez “Agora xa non preciso traballar porque Ramón ten, gracias a Deus, un bo soldo, cando nos faga falta, xa volverei” “E a túa relizacion persoal?” “ O que?”

Non quixen máis discusión. Eu, que tan respectuosa son de tódalas decisións vitais, non aturaba esta porque nin sequera era unha decisión propia senón unha imposición social. Mais tarde tiven que escoitar as queixas da mesma que non precisaba sentirse realizada pola pouca vida social que tiña ela en comparación co seu magnífico Ramón, e non puiden evitar sentir certa mágoa por esta rapaza que no seu día fora tan intelixente a quen lle privaron dun futuro de investigadora brillante encubrindose na tradición, na costume.

Esta debe ser a segunda premisa do noso progreso.

Non quero amargarme con este tema, prefiro sumirme nas miñas propias amarguras, nas miñas inquedanzas, esas que non me deixan durmir tranquila. Seguro que elas non saben de somníferos, nunca pediron na farmacia pílulas que só expiden logo de ensinar o DNI e de que o boticario che mire como se foses un delincuente. Esa sensación está ás mulleres que finximos non importarnos nada, por querermos parecer indestructibles consumimonos nas nosas propias miserias e morremos de autocompaixón, sen ter sequera o alivio de comaprtir as nosas tribulacións co resto, non vaia ser que vexan algunha das túas debilidades, pois se a estas lles impuxeron a vida respectuosa de muller casada que queda na casa, a sociedade máis progresista imponnos ao resto do xénero feminino a obriga da independencia tanto mateiral como sentimental, da autosuficiencia. O mundo obriganos a ser perfectas, traballadoras eficaces, activas na vida social, instruídas, cultas e emocionalmente frías. Morrer de amor pasou de moda, non está ben visto, é unha mostra de debilidade, e esta, sinónimo de baixa rendibilidade. Ao resto non lle importa como te sentes por dentro, ti pon boa cara e sae a loitar polos seus ideais e o benestar xeral. Eu sentinme soa nos momentos nos que máis necesitaba apoio. Pero non mundo de hoxe non hai lugar para a compaixón nin para a empatía. O tempo é demasiado valioso como para perdelo en sentimentalismos que non veñan da man dun beneficio.

”. No fondo tampouco a nós se nos preguntou se queriamos ser así ou doutro xeito. Recoñezo que teño vocación de solteira, que me abrazo á soidade mellor ca ninguén. Pronto descubrín que o amor non é máis ca unha reacción biolóxica con data de caducidade, e, a parella, francamente, está sobrevalorada. Aínda así me asaltan dúbidas de ata que punto eu fun libre para escoller esta vida, ou sería que al Eu non sei se de verdade quería a vida que teño. Nunca me parei a pensalo con tranquilidade. As cousas veñen e recollémolas. Algo asi como que “o destino é para o home como o vento nas velas dun barco”, alguén tiña que interpretar este papel e a min me viña pintado. Será que no fondo o patriarcado precisa do feminismo que con tanto esforzo defendemos para reafirmarse nas súas posturas e na súa propia loita? Non pode ser que nos vexan como a ameazada precisa para artellar a súa defensa e adrede nos inciten a esta actuación vital para eles? Da loita de clases, da dialéctica da Historia pasouse á guerra de sexos

“Señor Castro, preciso uns días libres. Morreu a miña materna e...”

“Vaia, poderá estar o martes de volta? Precísoa aquí o martes, e mire de rematar o traballo que lle pedín eh? Tampouco vaia pensar que son un desalmado, acompáñoa no sentimento, dende logo, pero o negocio é o negocio e as cousas non andan alá moi ben, xa o sabe ben. Conto ca súa responsabilidade. Ala, vaia vaia, estarana agardando”

Adormezome á calor do lume. Cheganme dende o corredor voces difusas que parecen estar lonxe, murmurios que me avalan e me fan caer nun sono lixeiro do que me resisto a saír pese a sentir as súas olladas inquisidoras en min. Teño a capacidade se soñar con aquelo que desexo, bastame con propoñelo, pero hoxe non é posible. Demasiadas emocións xuntas, os pensamentos atropelanse querendo adiantarse uns a outros. Nesta situación é mellor manter a vixilia e a razón alerta. Como di miña nai “Hai que valerse do entendemento” e nestes intres recoñezo as miñas debilidades mentais para enfrontarme a tantas novidades na miña vida. Repasar como cheguei a esta situación podería ser unha boa terapia, pero tamén unha fonte de sufrimentos que non preciso. Tortúrome pensando en como será todo de hoxe en diante. O meu camiño non rematou, pero desvioume da ruta prevista e agora preguntome se non serían os meus pasos os que me levaron a esta bifurcación, se somos nós quén percorre o camiño mentras nos sostén ou se no fondo e el quen nos conduce a través de si mesmo. Demasiadas preguntas para unha mente insonme na madrugada.

III

No canto de volverme tola esforzome por levar a miña mente por vieiros máis amables e atópome pensando no momento no que me topei con Pablo por vez primeira. Case me esquecera dese intre pero volvín acordarme visionarme a min mesma tomando unha copa estando na Cervexería Internacional, ao ver un neno subsahariano vendendo CDs piratas. Non era tan escuro como cabería agardar, senón dun bonito ton bronce vello, este demasiado branco para ser negro, o outro, negro demáis sendo branco. Por esta tontería os relacionei e volveu a imaxe do día de entrada no Consulado de España en París, boulevard Malesherbes 165.

-Bon jour, je suis la boursière espagnole, ai à parler au préposé d'affaires.

-Soyez vous bienvenus, le préposé s'appelle Paul García, attendez-le s'il vous plaît, il viendra tout de suite

-Bien, merci.

En Francia o tempo dilatabase curiosamente segundo quen o mencionase. O Tout de suite da rapaza do mostrador de información converteuse nunha hora e tres cuartos.

-Monsieur Garcia, monsieur Garcia c'est la boursière espagnole

-Laura García (tamén) je suis enchantée de le connaître

-Sin formalismos, por favor, entre nosotros, si lo prefiere podemos hablar español, y hasta tutearnos, si no hay objeción por su parte.

-Por supuesto que no.

-Ah, es galega. Que sorpresa. Eu son galego por parte de avó materno.

-Refuxiado?

-Emigrante, asi que supoño que si, que se pode considerar refuxiado tamén. Se me acompañas arriba ensinote o teu despacho e douche as primeiras instrucións de servizo.

Foi entón cando me fixei na súa cor, demasiado moreno para un neto de galego e apelidado García, e debeu de darse conta da miña perplexidade porque se xirou e espetoume

-Meu pai era libanés, pero escollín usar o apelido de miña nai. Comodidade de pronunciación, xa sabes.

Logo todo pasou sen pensar. Os acontecementos non me pediron permiso e non fun capaz de controlar as miñas propias actuacións. Estaba a cometer o peor dos pecados posibles, violaba a regla número un do clube das mulleres independentes, de solteiría voluntaia.

Tomabamos capuccino no Café Parisien, na rue Auguste Coubert

- Non son como ti pensas.

-Paréceme ben, eu nin sequera sei como son.

En todo momento quería oílo, velo, tamén, pero máis sentir a súa voz. A miña primeira acción nada máis erguerme era chamalo. Durmía xa ca ansia de escoitar “Ola, son Pablo” . O eco desas palabras acompañabanme o resto do día e resoaban dentro da miña cabeza “Son Pablo, ola son Pablo”. Volvía sempre que pensaba nel. Bastabame o son da súa voz para sentir que algo na vida valía a pena. Que por oila por sempre pasaría tódalas angurias do mundo.

Enganábame. Non pasei dos primeiros apuros. Sendo unha socia de honra do Clube das orgullosas de non morrer por amor acabei devecendo por escoitalo outra vez, pero xa era tarde para iso. Se o soubesen as outras membras, botaríanme da asociación. Xa non hai volta atrás, o camiño que leva a Pablo está pechado, converteuse nunha vía cega, sen saída.

IV

Tódolos camiños rematan, en outros ou en si mesmos. Miña avoa rematou o seu na cama na que durmeu 70 anos e agora descansa no panteón familiar. Tivo unha viaxe tranquila e un final pacífico. A miña é turbulenta, accidentada, pero aínda así agardo e deséxoa longa.

Quedeime soa no cemiterio, mirando o panteón onde está tamén o meu avó. E volvo a sentirme culpable por que no único que penso e erguer o auricular e escoitar outra vez “Ola, son Pablo”