Mostrando postagens com marcador Deseño de interiores. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Deseño de interiores. Mostrar todas as postagens

sábado, 10 de julho de 2010


Ainda há coisas que você não me conhece

Para Viçente da Veiga

Un mot de toi...

Estiven pegando unha cenefa sobre o papel do cuarto, con estampado de flores. En concreto, rosas inglesas. Se me tumbo na cama e miro cara arriba, teño a impresión de estar deitada nun xardín...

Tenho pegamento nas unhas e na pel dos dedos.

Saco a cabeza pola fiestra. Quero reconciliarme co mundo exterior, pero vai frío. Volvo e ponho unha chaqueta de felpa por riba da picardía.

As tres da manhá non son horas para andar de “sisitas”.

Se cadra son os anos

Como facíamos antes? Na auga tódalas tardes, anque chovese, a pesares da néboa. Nunca tinhas frío.

-Encantada, ques outro café?

Debe levar aqui moito tempo. O café parece frío.

Está aí, miroo, pero non o vexo, os meus olhos traspasan a súa carne, a través dela métome na tarde na que me vestín de noiva.

Metros de encaixe francés. Daquela había calor. Eu abanándome na terraza “Cando vaia mal chámame”

Non lhe conto a ninguén que me deu un bico no pescozo. Un bico furtivo, clandestino, efímero.

Déixao, estaría bébedo, e eu ca cola do vestido enrolada no brazo esquerdo “Chámame cando vai mal”

Aquela noite non ía frío, coma hoxe. Non entendo este tempo. Estamos en xullo, e como refresca.

Antes non, verdade? Acordaste dos veráns en Muros?

Sempre ía calor, ou seríamos nós? Si, sería eso

Agora todo é frío e chuvia.

Tamén choveu as dúas tardes que bailei contigo.

-Xa é mala sorte mulher, quería ensinarte todo e mira como está o tempo.

-Dá o mesmo, abóndame estar contigo.

E ti obstinado en ensinarme o mar.

-Ven ver esto, mira como bate.

-Estou farta de velo, crieime á beira del.

O que eu quería era quitarche a camisa, de vagar, e perderme no teu peito. Como aquela manhá, ao lado do mar, tamén. Sempre preto do mar. E chovía. E logo vinha sacarche a camisa e bicarche o pescozo, igual que aquel día, eu vestida de noiva. Aquelo non lho contei a ninguén, para que? Estaba bébedo. E esto non podo contalo. Non é por arrepentimento, nin por vergonha, non o conto por non facerche dano.

-Non quero ter problemas.

-Nin eu dalos.

-Estás linda, despeiteda. Vamos ver o mar.

Sempre o mar,

-que teima colliches

Só penso en sacarche a camisa, como aquela manhá, “ti por abaixo”, e a chuvia batendo fóra, contra os cristais.

Estás linda. Es a noiva máis guapa que vin. Chámame. Intento arranxar o vestido. Para que vou contar esto?

Unha palabra. Dime só unha palabra. Unha palabra túa e volvo a sacarche a camisa.

*******

-De verdade non ques outro café?

-Vou rematar antes este.

-Este ten pinta de estar frío...

-Grazas por aceptar a invitación

Incomódame tanta cortesía

-Non se merecen. Eu tamén quería conhecerche

Espero que non me pregunte en que penso

En que penso? Un bico prohibido, vestida de noiva. Eso si me deu vergonha. Aquel día tinha certa dignidade de mulher casada “chámame” Recollo a cola do vestido e marcho. Pero que se cre o mocoso este? Estará bébedo.

No canto de chamalo dicidín sacarche a camisa.

-Ven ver o mar

Eu o que quero e darche un bico. Levo todo o caminho pensando niso.

-Ponte por arriba,

-D´accord, mon amour, ti por abaixo. Déixame sacarche a camisa

-Móvete

Estase levantando vento. Melhor pecho a fiestra. Se non me concentro non podo reconciliarme co mundo de fóra.

Por que será que agora sinto frío a todas horas?

Acordaste en Muros? Tódalas noites ía calor, sentados na porta agardando polo fresco que nos deixara durmir ben.

-E ti, en que trabalhas?

-Son avogada, laboralista. Chámame se te sintes explotado

-Ummhhh, a que tipo de explotación te refires?

“Chámame”, sempre é igual. Sempre. Agás as dúas tardes que bailei contigo.

-Ques verme, si? Ques que nos vexamos?

******

-Estás nerviosa? Arrepinteste?

-Non me arrepinto. Non fago as cousas para arrepentirme.

-Tes que pensar que nunca pasou...

Si pasou. Achegouse a min. Es a noiva máis guapa “Chámame” e o bico no pescozo. Só foi iso. E arrepentinme de non contalo, porque daquela non o busquei eu, nin o quería sequera.

-Como son as cousas eh? Daquela ofendinme, e agora, aquí contigo, xa sei, eu por abaixo, e non me arrepinto. Así empezan as traicións, non? Pero, cando comezas, en que momento te volves infiel? Cando consumas o acto, cando o planexas? Se te volves atrás aínda o es? Eu convertinme no momento que decidín selo, moito antes de estar contigo.

-Fuches ti quen me escolleu, eso tenho moi claro.

Cantos sodes, dentro de min? O café frío, o bico no pescozo, a camisa.

-De verdade non ques outro café?

Dime que non, que tes que marchar pronto, por favor, dimo.

-Sabes? Podería estar a tarde enteira contigo, e a noite, xa postos....

Entón érgome, saco a carteira do bolso e pago a conta.

A súa mirada perplexa

-Foi un pracer conhecerche, xa falaremos

E marcho, porque no fondo sei que eu tamén podería.

Unha palabra túa, só unha. Dime unha palabra,coma antes, e xúroche que acudo onde estés e volvo a sacarche a camisa.

terça-feira, 6 de julho de 2010

As flores tristes


Nun lugar lonxano vivía un xardineiro que cultivaba rosas, de cor lavanda, tantas, que foi capaz de facer mil ramos, cada un máis vistoso ca o anterior. Sen embargo, cando rematou decatouse de que as rosas estaban máis bonitas na roseira ca nos ramos. Decepcionado, acudiu ao mestre, en busca de explicación.
-Así é como ten que ser, tomodachi, non por cortar unha flor te quedas coa súa beleza.


Para Susete,capaz de regalarnos a beleza das flores sen cortalas, e para Santiago, capaz de mantelas vivas.


As flores tristes.


Vivo nun mundo de flores. De flores tristes.
Digo que son tristes porque estas teñen a capacidade de reflectir o estado anímico de quen as rodea, e últimamente ando algo baixo de moral.
As flores son as luces da existencia, curiosas luces que se apagan ao chegar a noite. Unhas pechanse sobre si mesmas, outras, agachan a cabeza e dormen.
Parecense moito ás mulleres, misteriosas, sensuais, únicas entre as súas semellantes, e capaces de gardar dentro o secreto da vida. Non se lles pode pedir máis.
Coñézoas todas e cada unha delas. Familia, especie, variedade, nome científico e vulgar. Distingo máis de duascentas variedade de camelias das tres mil existentes, cincoenta de magnolias e case mil de orquídeas.
Coido que a maioría dos que pasan cada día ao meu lado non son conscientes da importancia que as flores teñen nas nosas vidas. Se nos fixamos, son o primeiro agasallo que temos, e o último. Curioso, verdade?
Como é posible que un mesmo elemento poida estar en dous momentos tan opostos? Pensade niso.
De feito, son o tributo funerario máis antigo que existe, anterior ás xoias, por suposto. Todos e cada un de nós as usamos algunha vez na nosa vida diaria, aínda sen sabelo. Tomamos infusión de macela para a dor de barriga, azahar para os nervios, está o azafrán, condimento, mediciña e tinte, a auga de rosas como tónico cosmético, o aceite de lavanda, cicatrizante e curativo.
Con elas fabricamos cosméticos, perfumes, alimentos, medicamentos, incluso velenos. Si, si, velenos, tamén as cousas máis lindas do mundo teñen a súa vertente perversa.
Oichedes algunha vez falar da saponaria? É un substitutivo perfecto dos xabóns causticos e dos champús.
Podería estar así todo o día, pero supoño que xa vos ides facendo cargo.
As flores inundan o meu ser, tanto no nivel consciente como no inconsciente. Un día, sen previo aviso, chegaron a habitar os meus soños, convertendose na materia prima e principal destes.
Esto comezou durante o último ano porque antes de deitarme pensaba nelas, recreaba mentalmente a imaxe de peonías,gladiolos, rosas, polas de mimosa, e, tras quedar a durmir, estas imaxes íanse combinando e mesturando ata crear grandiosas composicións. Nada máis erguerme, co soño aínda fresco, subía á azotea, entraba no xardín secreto e adicaba toda a mañá a materializar as composicións soñadas.
Unha noite concentreime en caraveis, lirios e fentos. Pensaba en soñar unha composición fresca, primaveral, lixeira, coma unha mañá de abril, pero no seu lugar apareceu un gran tigre siberiano. Era un ejemplar esplédido, un macho grande, forte, robusto, rebosante de vitalidade. Recoñezo que non entendo gran cousa de animais, pero este era sen dúbida expecional, e non só porque falaba.
No meu soño atopábame na azotea, de madrugada. Todo estaba cuberto por unha espesa néboa que ulía a especias exóticas, canela, vainila, cardamomo. El saíu da brétema, contoneandose cun movemento elegante, equilibrado, candencioso. Dirixiuse sen decir nada á pila de flores e comezou a pacer nelas. Cando tivo rematado, sentouse cruzando as patas, lambeuse e reparou en min por vez primeira.
Grazas, dixo, hai tempo que non comía flores tan saborosas. Na nai rusia non medran cousas tan esquisitas, e moito menos nese lugar perdido e xeado que vos chamades Siberia.
Aínda se deixou estar alí un anaco, desfrutando dun improvisado concerto de piano co que nos agasallaba a antiga dona da casa, falecida vinte anos atrás.
Entón tiven tempo de fixarme ben nel, e recoñecino. Era o mesmo que visitaba a Sandor Lester ante da súa estancia no manicomio.
Espertei asustado. Temín que o mesmo estivese a piques de acontecerme a min, que en calquera momento podía perder o dominio da miña vontade. Estaba seguro de que era unha premonición, así que á noite seguinte concentreime en non soñar con tigres, nin con calquer outro felino. E conseguino. Pero tampouco fun capaz de volver soñar con flores.
Dende entón pasaron xa seis meses enteiros, cento oitenta días, e non fun capaz de facer composición floral algunha.
Estou vivindo a época máis estrana da miña vida. É máis, vívoa coma se non fose a miña. Non a recoñezo, nin a min mesmo, no sentido máis literal da palabra.
Teño un vestido vermello de muller colgado no percheiro do aparador, un par de pendentes negros a xogo co cinturón do vestido na cómoda e un anel antiquisimo na mesiña de noite. Todo esto sen ser fetichista. Non, non me transformo pola noite, non disfruto vendome nun espello con zapatos de tacón alto e colares de dúas voltas.
A cousa é máis sinxela, todo quedou aí cando Laura se foi. Todas estas cousas de muller que gardo eran regalos para ela, nin perversidades nin transgesións, pero a miña terapeuta non pensou o mesmo e botei dúas sesións enteiras explicandolle porque non devolvera as cousas. Parece que o feito de perder o tique da tenda non era crible nin convincente, asi que me inventei a historia de que aínda agardo que volva e teña aí os seus regalos.
A veces penso que o de Laura foi coma o do tigre, un mal soño.
Un mal soño no que ela arrastraba unha maleta polo corredor ata deixala preto da porta, logo, pousou as chaves no aparador e subeu as escaleiras a modo, ata a azotea. Cruzouse de brazos, mirándome mentras eu transplantaba guineanas.
-Deixei as chaves no aparador, e o anel na mesiña.
-Non o fagas, por favor, pártesme a alma e o corazón se o fas.
-Ben, así terás dous de cada.

Foron as súas palabras na nosa derradeira conversa. Tras dicilas, deu a volta e marchou, levando con ela parte da miña cordura.

De momento, vendo a miña incapacidade temporal para crear novas composicións decidín fotografiar as flores que cultivo, é unha boa forma de desfrutar da súa beleza, non si?
E aquí tendes os meus dous últimos logros, dúas rosas David Austin, unha de suave veludo granate, e a outra, dunha elegante cor alaranxada.
Ollade o aspecto que ten a perfección.

segunda-feira, 7 de junho de 2010

palabras


Esto nunca sucedeu así, pero ben puido ter sucedido.
Á memoria de Carmelo Teixeiro, a quen algún día lle prestaremos os ollos,
E para as xentes de Ferrolterra, que tanto loitaron, e que loitan tanto.


A
s palabras, nada hai tan importante. Son máis fortes cas bombas, resistentes ás balas. Tódalas loitas están feitas de palabras, de berros, de consignas. Mentras estas vivan, vivirán aquelas.

Había, agora lembro que aquela noite había sol. Un sol grande que brillaba como non o fixera de día.
Encargaranme de cubrir aquela Asamblea de resultas dunha baixa inesperada. Pura casualidade.
Xentes de toda condición e procedencia ateigaban o local moito tempo antes da hora prevista, e eu alí, co meu bloc de notas, o meu bolígrafo azul e a miña bolsa. Sabía que pronto me faltaría o aire con tanto persoal, e por tranquilizarme, recitaba de memoria tódalas clases de piñeiro que coñecía: insigne, radiata, pinaster, nigra, sylvestris, pinea, uncinata, unha e outra vez, insigne, radiata, pinaster….
E comezou a Asamblea. Xa só podía distinguir a voz de Carmelo dende o fondo, Venceremos, venceremos, venceremos… Tentaba captar cada unha das súas palabras pero a man non me daba abasto, e decidín recurrir á bolsa. Abrina con coidado, pois dentro durmian tranquilas antigas palabras escapadas doutros beizos e recollidas noutras tardes de loita por outras causas. Ata a boca de pana marrón foron chegando, cohibidas nun principio, pero xa logo confiadas, formando unha seimeira dende Carmelo ata min.
Falaba de resistir, de vencer, do poder da presión, eso poideron oílo todos, pero as últimas palabras, “Verei como a quitan, vereino cos vosos ollos” sei que chegaron só onde eu estaba, áxiles e rebuldeiras, correron a meterse dentro. vereino-vereino-cos-vosos-ollos, todas elas aínda xogaron un intre antes de pousarse, xa eternas, no fondo, ao lado das outras, e a pesar da distancia dos vinte metros bos que nos afastaban era capaz de verme reflexada na súa meiniña, mirandoo de fronte, e comprendín que acababa de meterme en outra loita, que a súa causa xa era tamén a miña. Se cadra por estar atenta a iso, ou por despistarme cos estalidos xordos daqueles que, situados nos dous flancos do estrado, empezaron a disparar todos xuntos, foi que me colleu a subida no nivel da auga desprevida. Deime conta cando tiña a friaxe xa enriba, primeiro no embigo, pero xa logo no peito, no colo, na cara. Todo pasou en segundos. Antes de poder reaccionar, xa estaba asolagada. Tentei subir á superficie, pero cunha soa man, pois baixo ningún concepto pensaba soltar a bolsa. Sabía que era a única forma de que a loita se mantivese no futuro, facer sobrevivir esas palabras. Foi daquela cando notei que algo me agarraba da chaqueta e me subía con forza por riba da auga. De xeonllos e cuspindo a auga salgada, aínda ca bolsa aferrada a min, vino de pé, ao alto en fronte miña, movendo a cabeza, máis resignado ca con decepción.
-Xúroche, que non me decatei, xúroche que non souben en que momento subiu a marea.
-Coma sempre
-E que queres, dixen sinalando á bolsa, xa sabes, as palabras…

segunda-feira, 24 de maio de 2010


Debuxabas de cote nun caderno holandés, de tapas ríxidas, plásticas, transparentes. Levábalo contigo sempre, baixo o brazo. Dende a cama escoitaba como raiabas as páxinas brancas, virxinais, cun boli azul de punta fina, con movementos rápidos, áxiles, case vertixinosos, que me puñan a pel de galiña:
-Que pintas, David?
-...Paporrubios, carrizos, merlos. Paxariños, amor, paxariños


Ti tocabas, tocabas, tocabas, sentado ao piano, e eu non podía discernir se eras verdade ou mentira, porque te oía tocar, pero non te vía. Entón, erguendo a voz cantarruxabas "Waltz for Debby" e sentía como me musitabas no oído " Bill Evans no piano, señores, Bill Evans no piano".

Deixeite descansando á sombra dun valado circundado de xestas floridas “O arbusto máis belo, salvo as uces”, deitada nun leito de fentos verdes e tenriños, mentres eu exploraba o leiro, máis aló do valado, saltando por riba deste. Ti virás unhas cerdeiras, e quería traerche cereixas. Alonxeime apenas sete pasos e ao tempo que mexaba ao pé da cerdeira vin un xílgaro cantando, pousado enriba dunha roseira silvestre engalanada cas últimas rosas de maio. Detivenme a escoitalo e dinme conta que non cantaba coma tódolos paxaros, senón que dicía May aid, may aid, may aid, de xeito harmónico, melodioso, pero de súpeto toda a natureza estalou e puden oir o seu berro xordo e afogado pedindome axuda. Incapaz de respostar a tan tremenda petición, fuxín asustado do leiro, saltando unha sebe. En chegando onda ti atopeite ca boca aberta bebendo da calor da maio. Mireite coma se nunca antes te tivera visto. Quería falarche da eseriencia mística que acababa de vivir, de comuñón ca natureza, pero aínda o medo me atordaba.Abriches os ollos. Mirábasme con picardía, cun sorriso case lascivo.
-E as cereixas David?
-Deixeinas. Estaban verdes

Dende Fonfría, onde agora fixeron un miradoiro, vese toda A Fonsagrada. Pérdese a vista preto do Cantábrico. Vense prados e bosques de piñeiro, silvestres e insignes, intercalados. Podes ver cando a néboa espesa se estende dende Ribadeo. Creste libre respirando o aire fresco, alí no alto, observando quilómetros e quilómetros de superficie forestal con moitos contrastes de cores e pobos dispersos entre prados e monte.
Alí estabamos os dous, debruzados a un baleiro interior que se estendía máis aló do horizonte nun atardecer onde non faltaba ningún ton de gris existente, con miles de matices dentro da mesma escala cromática da saudade.
-Pois se che gusta isto, tiñas que ver os solpores de Santorini. Pura maxia neno, pura maxia.